LOVE.DIST@NCE. Reunión intermedia do proxecto en Barcelona

A Universidade de Vigo participou entre o 4 e o 7 de xullo de 2022 na reunión intermedia do proxecto europeo CBHE LoveDistance, organizada polos socios da Fundación Universitaria Iberoamericana (FUNIBER) e acollida polo Instituto de Formación Continua IL-3 da Universidade de Barcelona.

A reunión acolleu a todos os socios do proxecto provenientes dos seguintes países: Israel (Ono Academic College, Levinsky College of Education e MEITAL Inter-University e-Learning Centre), Xeorxia (Universidades Estatais de Ilia, Telavi e Batumi Shota Rustaveli), Portugal (Instituto Politécnico do Porto), España (Universidade de Vigo e FUNIBER, o anfitrión do evento) e Romanía (Universidade Técnica de Cluj-Napoca).

O proxecto Erasmus+ CBHE LoveDistance ten como obxectivo mellorar o acceso e a calidade da educación superior en Israel e Xeorxia, a través do apoio ofrecido aos estudantes desfavorecidos destes dous países e, durante a reunión, os asistentes tiveron debates construtivos sobre as mellores formas de alcanzar os obxectivos do proxecto e a oportunidade de coñecer o distrito tecnolóxico @22 de Barcelona.

Ademais, durante as sesións do evento, o equipo da UVigo implicado no proxecto e liderado polo profesor Anxo Manuel Sánchez Bermúdez, coordinador local do proxecto na UVigo, ofreceu o seu apoio e recomendacións nas sesións de seguimento da xestión do proxecto, ademais de falar da súa ampla experiencia na xestión de proxectos europeos nos dous últimos anos marcados pola pandemia do COVID-19.

Os participantes tamén discutiron temas relacionados coa calidade e a difusión do proxecto, así como as liñas futuras de traballo, que inclúen visitas de seguimento nas universidades socias de Israel e Xeorxia, e organizaron actividades que fomentaron a súa colaboración e interacción conxunta entorno a educación en liña.

English version