Este venres arrancou na Facultade de Dereito do campus de Ourense o curso Módulo Jean Monnet: Pacto Verde Europeo. Análise e Perspectivas. Na primeira das dez sesións que conforman esta acción formativa, que conta con financiamento da Unión Europea e que se prolongará ata o 27 de maio, abordouse a axenda global do medio ambiente e a sostibilidade.
A iniciativa supón o inicio das accións do Módulo Jean Monnet The European Green Deal. Analysis and insights (GREENDEAL+A+I), coordinado por Laura Movilla, profesora de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo e investigadora do grupo MEDEA-Iuris. Ao abeiro deste módulo, que ten unha duración de tres anos, organizarase cada ano unha edición do curso posto en marcha este venres, ademais de outras actividades complementarias e dirixidas a un público máis específico. O curso é ademais froito da colaboración entre as áreas de Dereito Internacional Público e Dereito Administrativo da Facultade de Dereito ourensá.
No arranque desta primeira actividade, Roberto O. Bustillo, profesor titular de Dereito Administrativo, explicou que “os módulos Jean Monnet son unhas accións formativas moi selectas, financiadas pola Unión Europea e que se conseguen despois dun procedemento competitivo”, pondo de relevo o feito de terse conseguido este módulo sobre o Pacto Verde Europeo, “unha das poucas actividades seleccionadas para a súa posta en marcha en universidades”. Igualmente, o profesor puxo de relevo a traxectoria de Laura Movilla, como coordinadora da iniciativa e relatora da primeira sesión do módulo. Dela destacou que foi alumna da Facultade de Dereito de Ourense e “hoxe en día tense convertido nunha das persoas das universidades españolas, do ámbito xurídico, máis recoñecidas a nivel internacional en materia de auga”.