A Facultade de Economía e Empresa da Universidade de Vigo acolleu á Dra. Małgorzata Zakrewska do Institute of Economics and Finance da University of Szczecin, Polonia. A Dra. Zakrewska está a levar a cabo unha estancia de mobilidade Erasmus+ en colaboración coa Universidade de Vigo, grazas á invitación do profesor Jorge Eduardo Vila Biglieri do departamento de economía financeira e contabilidade.
Durante a súa estancia, a Dra. Zakrewska tivo a oportunidade de explorar diversas áreas de colaboración e compartir experiencias con membros da comunidade universitaria. En particular, visitou a Oficina de Proxectos Internacionais (OPI) da Universidade de Vigo, onde foi recibida pola directora da área de proxectos internacionais educativos, Eva Garea e o persoal técnico de promoción Lorena Gatea e Elisabet López.
Neste encontro intercambiáronse boas prácticas na captación de fondos europeos e discutíronse diversas iniciativas para futuras colaboracións entre a University of Szczecin, a Universidade de Vigo e socios internacionais en Sudafrica, especialmente no ámbito da auditoría e a economía. Esta interacción non só serviu para fortalecer os lazos entre ambas as institucións académicas, senón que tamén abriu novas oportunidades para a cooperación internacional en investigación e desenvolvemento de proxectos europeos.
O profesor Vila Biglieri expresou a súa satisfacción pola visita da Dra. Zakrewska, destacando a importancia deste tipo de intercambios académicos para enriquecer o coñecemento e promover a colaboración entre universidades de diferentes países. Así mesmo, Eva Garea manifestou o seu entusiasmo polas posibilidades de continuar colaborando con institucións polacas, moi activas en proxectos KA2 e reiterou o compromiso da Universidade de Vigo coa internacionalización e a excelencia académica.