A Oficina de Proxectos Internacionais da UVigo (OPI) participou a semana pasada na sétima edición do Open Space Forum, organizado pola European University Foundation (EUF) e a Universidad de Murcia, onde deu a coñecer a súa actividade, difundiu a súa participación en proxectos europeos e captación de fondos, intercambiou boas prácticas e estreitou vínculos con universidades europeas para a presentación de novas propostas.
A directora da Área de Proxectos Internacionais Educativos da OPI, Eva Garea Oya, e a técnica de promoción da Oficina, Lorena Diana Gatea, impartiron no evento varias formacións sobre aspectos fundamentais da presentación de propostas europeas de éxito, en especial de accións KA2, así como sobre o deseño da calidade dun proxecto. “A través dunha sesión específica de pósters difundimos o extenso traballo do profesorado da UVigo en proxectos educativos europeos KA2, así como as novas propostas acadadas pola nosa institución”, explica Garea, que sinala que na súa exposición presentaron tanto proxectos coordinados pola UVigo, como DACEM ou UP2YOU, como participados pola institución académica, como ASSET, EnGood ou OUT-DOOR. “Así mesmo, nunha sesión específica, o equipo da UVigo, xunto con parte do equipo da EUF, realizou unha presentación exhaustiva sobre as características dos proxectos no marco da convocatoria de asociacións de cooperación, achegando experiencias da UVigo nos 40 proxectos KA2, que a nosa entidade implementou durante os últimos anos”, detalla Garea.
Representantes de institucións internacionais que traballan na captación de fondos
Entre o 28 e o 31 de maio máis de 50 representantes universitarios, membros da EUF e persoal que traballa en captación de fondos, procedentes de Austria, Bélxica, Alemaña, Gracia, Irlanda, Hungría, Italia, Letonia, Lituania, Portugal, Países Baixos, Noruega, Eslovenia e Turquía participaron no Open Space Forum, onde abordaron as oportunidades de financiamento da UE, presentaron e debateron sobre proxectos europeos pasados e en curso e os seus resultados e intercambiaron ideas para traballar na procura das prioridades institucionais no deseño de novas propostas.
“A vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, promoveu a participación da OPI neste tipo de foros internacionais para dar visibilidade ao traballo da oficina e especialmente do persoal docente e investigador da Universidade de Vigo en proxectos europeos e poder transferir os resultados obtidos grazas a estes proxectos, contribuíndo ao mesmo tempo á elaboración de novas propostas”, explica Garea, que destaca que a sétima edición do Open Space Forum facilitou a aprendizaxe mutua entre as persoas asistentes, “nun ambiente sumamente creativo, fomentando a colaboración futura e a preparación de novos proxectos conxuntos”.
Ler a nova completa no DUVI