A OPI fortalece os lazos internacionais nun seminario de contacto con universidades indias

Do 8 ao 11 de xullo, o Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) organizou unhas xornadas de contacto entre universidades españolas e indias, que culminaron coa sinatura dun Memorando de Entendemento (MoU) entre Crue -Universidades Españolas e a Asociación de Universidades Indias (AIU). O evento organizado xunto coa Universidade Autónoma de Madrid tivo como obxectivo mellorar a cooperación e o intercambio académico entre as institucións de educación superior de España e da India. Un total de 26 delegados, na súa maioría vicerreitores de 23 universidades da AIU e representantes de 33 universidades españolas participaron nesta iniciativa que supuxo unha excelente oportunidade para estreitar lazos e explorar novas colaboracións conxuntas.

Eva Garea Oya, directora de área de proxectos internacionais educativos, asistiu ao acto en representación da UVigo e da OPI. Garea destacou a importancia destes encontros como unha gran oportunidade de traballo en rede e cooperación futura en novas iniciativas internacionais. “Estes seminarios permiten coñecer mellor a outras institucións estranxeiras, establecer conexións clave e abrir novas vías de colaboración académica e de investigación”, sinalou. O persoal asistente tivo a oportunidade de compartir boas prácticas, innovacións educativas e estratexias de cooperación, proporcionado ademais maior visibilidade o traballo da OPI. Garea destacou que a participación da Universidade de Vigo neste tipo de eventos organizados polo SEPIE reforza o compromiso da UVigo como institución activa e dinámica, interesada en estreitar lazos de cooperación con universidades de todo o mundo e en posicionarse como un referente na internacionalización da educación superior, promovendo proxectos colaborativos que beneficien tanto a nosa comunidade universitaria como ás entidades coas que traballamos. A participación neste seminario contribuirá a abrir novas pontes e relacións bilaterais con institucións indias, ampliando o alcance global da UVigo, mellorando a súa visibilidade e reputación a nivel internacional. Estes encontros son unha plataforma excelente para explorar novas fontes de financiamento e apoio a elaboración de proxectos internacionais, entre eles no marco de programas como Erasmus+ Capacity Building in Higher Education (CBHE) da Unión Europea, facilitando o desenvolvemento de proxectos conxuntos a través da OPI que aborden os retos globais desde unha perspectiva interdisciplinar.