A Universidade de Vigo, entre as mellores do mundo en cinco materias

Destaca no eido da Enxeñaría do petróleo, no rango 101-150, e no de Agricultura, no 201-250

A edición 2024 do QS World University Rankings by Subjetc sitúa a Universidade de Vigo entre as mellores do mundo en cinco eidos: Enxeñaría do petróleo, Agricultura e forestal, Enxeñaría eléctrica e electrónica, Ciencias biolóxicas e Química. Como xa avanzara o reitor, Manuel Reigosa, no Consello de Goberno da pasada semana, dende 2021, ano no que a Universidade de Vigo comezou a ser valorada por este ranking, pasouse de estar entre as mellores do mundo en dous eidos a aparecer no 2023 en tres e nesta nova edición en cinco, o que segundo Reigosa “é unha mellora importante”, sobre todo coa vista posta na captación internacional de alumnado.

A clasificación, publicada este mércores por QS Quacquarelli Symonds, proporciona unha análise comparativa independente sobre máis de 16.400 programas universitarios, cursados por estudantes de más de 1500 universidades en 96 países do mundo, incluíndo 55 disciplinas académicas e cinco amplas áreas de coñecemento. O equipo de goberno, a través da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, amósase moi “satisfeito”, porque ademais de mellorar na clasificación global “temos unha mellora moi notable pasando de 2 a 5 materias nas que aparecemos nesta listaxe”, e isto é un “salto cuantitativo que ten varias vantaxes”. Por unha banda, recalca que ten “un peso directo no plan de financiamento, en particular no módulo 2” e, por outra, “supón unha mellor carta de presentación da UVigo, tanto para o novo estudantado que está agora a pensar en que universidade facer os seus estudos, como para o persoal investigador que decide vir a facer a súa carreira investigadora”.  

Leer a noticia completa no DUVI