O Programa Chips da Comisión Europea acaba de seleccionar a iniciativa PIXEurope, na que participa a Universidade de Vigo, para liderar a Liña Piloto Europea de Chips Fotónicos, cuxo obxectivo é ofrecer plataformas tecnolóxicas de última xeración, transformando e transferindo procesos e tecnoloxías de fotónica integrada innovadoras e disruptivas para acelerar a adopción industrial dos mesmos. A finalidade é a creación de tecnoloxía de propiedade europea nun sector de importancia capital para a soberanía tecnolóxica. O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación -atlanTTic- da UVigo participará neste proxecto a través do seu laboratorio QOPHI Lab, baixo a coordinación dos investigadores Francisco Díaz e Francisco Soares e co obxectivo de desenvolver novas técnicas de empaquetado de chips, empregando tecnoloxías experimentais, con aplicacións esenciais para sectores como a automoción e as telecomunicacións de alta velocidade
Con 20 socios de 11 países e coordinado polo Instituto de Ciencias Fotónicas (ICFO), o consorcio PIXEurope mobilizará inversións de arredor de 400 millóns de euros, dos cales a UVigo recibirá 15M€. A iniciativa e plan de acción está cofinanciada pola Comisión Europea e o Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais e o Proxecto Estratéxico de Microelectrónica e Semicondutores, coñecido como PERTE Chip. Xunto co ICFO e a UVigo, por parte de Espala en PIXEurope participan tamén o Instituto de Microelectrónica de Barcelona, a Universidad Politécnica de Valencia (UPV), o Centro Nacional de Microelectrónica do CSIC (IMB-CNM-CSIC) e a Universidad Carlos III de Madrid (UC3M).
O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) da UVigo participará neste proxecto a través do seu laboratorio QOPHI, baixo a coordinación dos investigadores Francisco Díaz e Francisco Soares.
