Contribuír á transición dixital europea a través da investigación e do desenvolvemento de métodos de análise innovadores é o propósito da European Network on Digitalization and E-Governance (ENDE), unha rede integrada por especialistas de universidades e centros de investigación de doce países, entre os que se atopa o profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública Celso Cancela. Seleccionado nunha convocatoria comunitaria, ENDE é un proxecto coordinado pola Universidade Tecnolóxica de Tallin (TalTech), que promove a creación dunha gran rede temática que aborde o proceso de transformación dixital europea desde unha perspectiva interdisciplinar.
Coincidindo coa recente entrada en vigor do regulamento europeo de servizos dixitais (DSA), que se suma á lei de mercados dixitais (DMA), esta rede busca afondar nas transformacións que a dixitalización supón na prestación de servizos públicos e no desenvolvemento da chamada “gobernanza electrónica”, pero tamén nas súas implicacións en materia de mercados e competitividade ou na protección dos dereitos fundamentais. “Fálase de transformación dixital, porque non se trata só de dixitalizar, implica tamén cambiar as formas de facer e concibir as cousas”, explica Cancela. Nese senso, un dos obxectivos dunha rede que estenderá a súa actividade ata 2026 é o desenvolvemento dunha metodoloxía de medición do impacto da transformación dixital, así como tratar de incrementar a participación dixital da cidadanía. Coordinada polo investigador de TalTech Ramiro Troitiño, entre as iniciativas proxectadas por esta rede figura tamén contribuír “aos debates sobre os espazos públicos de datos e as novas tecnoloxías como a intelixencia artificial”, que, como sinalan, “afectan a todos os ámbitos da sociedade”.
Múltiples enfoques e disciplinas
Con Vigo e Valladolid como únicas universidades españolas, ENDE está integrada por 15 investigadores e investigadoras de doce países. En todos os casos, trátase de responsables dunha cátedra Jean Monnet, como Cancela, ou dun centro de excelencia vinculado a aspectos dixitais. “No meu caso, é sumar”, recoñece o profesor a Área de Ciencia Política e da Administración da UVigo, ao que a Comisión Europea concedida en 2022 a cátedra European Institutions and Citizens: Adapting the EU to the digitalization challenges (EICAUED), que ten precisamente o seu eixe central no estudo dos efectos da dixitalización sobre as políticas públicas e sobre a propia soberanía das institucións europeas.
Ler a nova no DUVI