A institución académica está entre as referentes internacionais en dez ámbitos de investigación.
A Shanghai Ranking Consultancy, responsable do ránking ARWU (máis coñecido como ránking de Shanghai), fixo público este luns o seu Global Ranking of Academic Subjects (GRAS) 2024, a clasificación das mellores universidades do mundo en 55 materias de investigación. Nel, a Universidade de Vigo sitúase como primeira universidade española en dúas materias: en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e en Oceanografía, empatada neste último caso coa Universidad de Las Palmas de Gran Canaria. En total son dez os ámbitos de coñecemento nos que a UVigo se posiciona entre as institucións de educación superior referentes a nivel internacional.