O 2023 deixou na UVigo excelentes resultados na captación de fondos internacionais. Así o adiantou o reitor, Manuel Reigosa, no seu informe anual ao Claustro, onde deu conta da consecución neste exercicio de máis de 14 millóns de euros en captación de fondos internacionais, dos que preto de 13 millóns se corresponden con proxectos internacionais de investigación e 1,5 millóns con proxectos educativos internacionais, cifras nunca antes acadadas e que responden á selección da institución académica viguesa para participar en múltiples programas. “Foi o ano no que se presentaron máis propostas e tamén no que tivemos máis éxito”, explica a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, quen recalca que a día de hoxe a Oficina de Proxectos Internacionais da Universidade de Vigo ten 79 proxectos de investigación activos.
En apenas cinco anos -desde 2018 ata a actualidade- o número de proxectos internacionais de investigación case se duplicou, pasando dos 40 traballos que estaban en vigor en 2018 aos 79 actuais. De igual maneira, a evolución tamén foi histórica no número de proxectos europeos educativos, triplicándose o financiamento acadado en anos anteriores: de 501.000 no 2022 a máis de 1,5 millóns en 2023. “Os resultados acadados concordan co incremento na colaboración internacional do persoal investigador da Universidade de Vigo, que foi en aumento, desde un 38% en 2012 a más de un 56% en 2022, e que se espera incrementar aínda máis coa nosa incorporación á universidade europea Athena e cunha maior aposta pola incorporación de talento internacional”, explica a vicerreitora.