Docentes de Uganda e Tanzania participan esta semana na Universidade de Vigo nun curso de formación organizado ao abeiro do proxecto internacional BHE Ahumain, Applied human machine intelligence in east Africa, unha iniciativa de cooperación educativa que ten como obxectivo impulsar a intelixencia artificial e a ciencia de datos no leste de África creando un plan de estudos que permita formar as enxeñeiras e enxeñeiros do futuro.
A formación arrancou este luns no edificio Redeiras, onde foron recibidos pola vicerreitora de Investigación e Transferencia Belén Rubio; a directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación, Eva Garea, e os tres responsables deste proxecto na UVigo: a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca Díaz, e os docentes Ana Fernández Vilas e Manuel Fernández Veiga, todos eles investigadores do Departamento de Enxeñaría Telemática e do centro atlanTTic.
Formando aos formadores
A Universidade de Vigo é unha das 31 participantes nesta iniciativa internacional na que se reúnen universidades e empresas de España, Bélxica, Chipre, Tanzania, Uganda e Kenia. Levan traballando arredor de ano e medio e, nesta ocasión, chegan a Vigo tras unha semana de formación en Bélxica e previamente a viaxar a Chipre o vindeiro mes de setembro. “Nesta semana poderemos centrarnos en aspectos concretos que non se abordan polo xeral noutro tipo de formacións, como os da ética e o uso responsable da IA, por exemplo, e facer énfase na presentación de ferramentas avanzadas, boas prácticas e aplicacións a industria”, explica o profesor Manuel Fernández Veiga, coordinador do equipo da UVigo neste proxecto.
O curso, que se prolongará ao longo de toda a semana, céntranse en diferentes temáticas relacionadas coa Intelixencia Artificial (IA) e Machine Learning (ML) e, máis concretamente, en técnicas e ferramentas para aprendizaxe distribuído, o despregue automático de aplicacións e a inclusión e garantía dos aspectos éticos nos diferentes usos e ferramentas da IA. “Haberá un día de seminarios para cada un destes temas”, salienta o coordinador do curso, ao que engade que no tempo que leva en marcha o proxecto avanzouse significativamente no desenvolvemento de material docente, tanto teórico como práctico, para 15 cursos sobre IA e ML que conforman a oferta formativa que despois se impartirá en distintas sedes en Tanzania e Uganda por parte dos profesores que agora están de visita na UVigo.
Ler a nova completa no DUVI