ALLURE. Máis preto dunha cultura inclusiva: Presentación da aplicación web CIMA na Cidade da Cultura

Os diferentes problemas de accesibilidade aos recursos culturais provocan que moito público adulto non faga uso dos mesmos. O obxectivo do proxecto Erasmus+ KA2 ALLURE (Alfabetización Liberadora: accesibilidade Universal en Recursos culturais para a Educación permanente) é evitalo, tentando lograr unha cultura inclusiva, isto é, que os recursos culturais sexan accesibles para todas as persoas.

As ferramentas coas que o proxecto quere dar solución a esta problemática son diversas e dentro delas atópase CIMA (Cultural Information Made Accesible – Información Cultura Feita Accesible), aplicación informática que se presentou os días 4 e 5 de maio na primeira reunión presencial do proxecto celebrada na Cidade da Cultura de Galicia e a que acudiu o profesor e coordinador do proxecto Enrique Costa Montenegro en representación da Universidade de Vigo. Cabe destacar tamén a asistencia do secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Manuel Vila López, quen puido coñecer este primeiro produto do proxecto de primeira man o día 5 de maio.

CIMA é unha aplicación web de libre uso para toda a cidadanía e todas as entidades e institucións culturais e que xa se atopa dispoñible no sitio web de ALLURE onde pode obterse máis información acerca do proxecto. A aplicación está pensada para salvar a fenda dos problemas de acceso á información sobre cuestións básicas do uso dos diversos recursos culturais (horarios, accesibilidade para persoas con problemas de mobilidade, acceso a información en Braille, a existencia de audioguías…) permitindo xerar documentos, incluso personalizados, con toda a información relevante dun evento cultural, de fácil lectura e en diversos idiomas.

A reunión foi todo un éxito, con tour incluído pola Cidade da Cultura aos asistentes. Na mesma tratáronse temas diversos, ademais da presentación da aplicación, como os obxectivos e axenda do proxecto, as estratexias a seguir ou a revisión de todos os aspectos relacionados coas redes sociais. A estas últimas o proxecto dálle un papel relevante como elemento de difusión, incluíndo a súa conta de Twitter (enlace a conta) onde van actualizando a súa evolución, eventos e información relevante a través dos tweets.

English version