A Oficina de Proxectos Internacionais-Área Educativa da Universidade de Vigo celebrou os días 11 e 12 de decembro as Xornadas informativas sobre as novidades das convocatorias Erasmus+ 2025 e Europa Creativa. As sesións desenvolvéronse nos tres campus da UVigo —Ourense, Vigo e Pontevedra— e ofreceron á comunidade universitaria información clave sobre as novas convocatorias de financiamento europeo, accións específicas e boas prácticas en proxectos educativos innovadores.
O evento arrincou o 11 de decembro no campus de Ourense, onde as intervencións se centraron nas novidades das convocatorias, os proxectos CBHE (Capacity Building in Higher Education), as accións Jean Monnet e os Erasmus Mundus. Ademais, Elena Martínez Carballo, coordinadora do proxecto Tecbiofood, presentou o seu proxecto, destacándoo como un exemplo de boas prácticas en proxectos CBHE.
O 12 de decembro, as xornadas continuaron no campus de Vigo, onde se abordaron temas como as KA2 Alianzas para a Innovación, os proxectos CBVET (Capacity Building in Vocational Education and Training), os CoVE (Centres of Vocational Excellence) e as Teachers Academies. A media mañá, as sesións desprazáronse ao campus de Pontevedra, onde as intervencións estiveron enfocadas nas accións KA2 Asociacións para a Cooperación, os proxectos Erasmus+ Sports e no programa Europa Creativa, destacando as liñas Innovation Lab e Media Literacy.
As xornadas, que combinaban participación presencial e seguimento virtual, contaron cunha boa acollida e permitiron aos asistentes coñecer en detalle os cambios e oportunidades das novas convocatorias europeas. Así mesmo, serviron como espazo de diálogo e intercambio de experiencias sobre a presentación e execución de proxectos educativos innovadores.
Desde a OPI, agradecemos a participación de todas as persoas asistentes e animamos a seguir aproveitando estas oportunidades de financiamento europeo para impulsar proxectos de internacionalización e innovación educativa.
Galería de imaxes:



Presentacións dispoñibles na web da OPI – Xornadas formativas propias