ALGAESAFE – INNOV2SAFETY: a Universidade de Vigo lidera dous proxectos EU-FORA no curso 2024/25

A Universidade de Vigo, como institución coordinadora, reafirma o seu compromiso coa seguridade alimentaria a nivel europeo ao coordinar dous proxectos dentro do programa EU-FORA no curso académico 2024/2025. Baixo a dirección do Prof. Miguel A. Prieto Lage, coordinador dos proxectos na UVigo, estas iniciativas impulsan a formación e especialización en avaliación de riscos alimentarios, contando coa participación de dúas investigadoras portuguesas que realizan a súa estancia na institución.

As investigadoras asisten a unha formación estruturada en colaboración coa Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA), que inclúe un módulo introdutorio de tres semanas na súa sede en Parma (Italia), seguido de catro módulos adicionais, tres deles en modalidade en liña e un presencial novamente en Parma. Este programa permítelles unha inmersión completa na avaliación do risco alimentario e fortalece a cooperación internacional no sector.

Proxecto ALGAESAFE: Aditivos funcionais derivados de algas para garantir a seguridade e a eficacia

Un dos proxectos en marcha, é Algal-derived functional additives for ensured safety and efficacy (ALGAESAFE), en liña coas actividades da EFSA e centrado na avaliación de riscos alimentarios asociados aos aditivos funcionais derivados das algas. O seu obxectivo principal é fortalecer a rede de expertos en Europa, fomentando a formación de investigadores que colaboren con institucións e científicos séniores para avanzar neste campo.

Baixo a metodoloxía recomendada pola Comisión do Codex Alimentarius e a EFSA, o proxecto analiza os riscos do consumo destes aditivos. A investigadora María Aurora Soares da Silva, técnica no Laboratório Associado para a Química Verde (LAQV-REQUIMTE) de Portugal e baixo a dirección da Prof. María Fátima de Sá Barroso, como coordinadora do proxecto na institución de orixe, desenvolve a súa estancia na UVigo baixo a supervisión do Prof. Miguel A. Prieto Lage na UVigo. Cunha duración do 1 de setembro de 2024 ao 31 de agosto de 2025, ALGAESAFE busca mellorar a seguridade e eficacia dos alimentos mediante o uso de aditivos de orixe mariña.

Proxecto INNOV2SAFETY: Avaliación do risco de substituír os conservantes sintéticos por ingredientes naturais

O segundo proxecto en execución, Risk assessment of replacing synthetic preservatives with natural ingredients (INNOV2SAFETY), coordinado tamén na UVigo polo Prof. Miguel A. Prieto Lage colabora co Instituto Politécnico de Bragança (IPB) baixo a supervisión da Prof. Lillian Bouçada de Barros, como coordinadora do proxecto na institución de orixe. A Prof. Lillian Barros forma parte do comité asesor externo do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA), reforzando así a colaboración entre investigadores e institucións.

Este proxecto ten como obxectivo avaliar os riscos asociados á substitución de conservantes sintéticos por ingredientes naturais a partir de subprodutos da industria alimentaria, garantindo a súa seguridade e eficacia. A investigadora Tatiane Cristina Gonçalves de Oliveira, procedente do IPB, realiza a súa estancia na UVigo durante o período comprendido entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de agosto de 2025, traballando en estreita colaboración co equipo de investigación da universidade.

María Aurora Soares da Silva
Tatiane Cristina Gonçalves

Impacto e difusión científica

Como parte do proxecto, as investigadoras realizarán unha visita á Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) e o Centro Nacional de Alimentación (CNA) en Madrid durante os días 18 e 19 de febreiro de 2025. Alí, coñecerán as actividades da Axencia relacionadas coa avaliación, xestión e comunicación de riscos, fortalecendo os vínculos entre institucións e promovendo a cooperación internacional en seguridade alimentaria. Ademais, como o parte das actividades de divulgación relacionadas co proxecto, ambas asistirán á conferencia internacional XXIII Conferencia Europea sobre Química de los Alimentos (EUROFOODCHEM XXIII) que se celebrará en Bratislava, Eslovaquia, do 11 ao 13 de xuño de 2025. Así mesmo, está prevista a publicación de dous artigos científicos no Journal da EFSA que recollan os resultados dos proxectos.

Un avance crave en seguridade alimentaria

ALGAESAFE e INNOV2SAFETY contribúen significativamente ao desenvolvemento do coñecemento en avaliación do risco alimentario e á seguridade alimentaria en Europa. A Universidade de Vigo, a través destes proxectos, segue consolidando o seu compromiso coa investigación e a formación neste ámbito. Para máis información, accede ás memorias e documentos adicionais aquí.

Ler a nova no DUVI