OPTIMAS (European Defence Fund-EDF): Comunicacións ciberseguras no espazo libre

OPTIMAS, proxecto europeo no que colabora a Universidade de Vigo, e liderado por monodon de Navantia, iniciou a súa andaina co obxectivo de desenvolver un sistema avanzado de comunicacións ópticas en espazo libre para aplicacións de defensa multidominio. Trátase dun ambicioso proxecto que busca proporcionar comunicacións de transferencia de datos de alta velocidade cun nivel de seguridade excepcional, integrando tecnoloxías de cifrado de última xeración, como a distribución de claves cuánticas (QKD).

OPTIMAS marcará un fito no desenvolvemento de sistemas de comunicación láser aerotransportados, proporcionando comunicacións seguras e de alta velocidade. Está deseñado para operar en constelacións de satélites con aplicacións para unidades espaciais, aéreas (drons), navais e terrestres.

OPTIMAS conta cun potente consorcio europeo formado por 12 entidades de 7 países, destacando unha forte presenza española con 6 organizacións implicadas. Entre elas, monodon de Navantia asume o papel de coordinador do proxecto, reafirmando o liderado de España en tecnoloxías avanzadas de defensa e comunicacións.

Pola súa banda, o papel do Grupo de Investigación en Tecnoloxías Aeroespaciais do Centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, da Universidade de Vigo no proxecto OPTIMAS será clave para establecer as bases técnicas do proxecto, definindo as expectativas operativas xerais do sistema, os casos de uso, os compoñentes básicos e os requisitos para a solución multidominio de OPTIMAS. Este traballo incluirá unha análise e definición de requisitos que servirán como base para as fases posteriores do proxecto, permitindo o desenvolvemento de capacidades adicionais, como a integración de distribución de claves cuánticas (Quantum Key Distribution, QKD) e fotónica integrada (Photonic Integrated Circuits, PIC), así como a implementación do sistema en segmento espazo, aéreo (drons), e naval.

Máis información

Notas de Prensa: Nota 1, Nota2