Liderado polo profesor Pablo Cabanelas, deseñaranse accións para desenvolver en 20 rexións de toda Europa.
A crise climática trae consigo inmensos desafíos para a sociedade e para combater eses retos necesítase desenvolver a chamada resiliencia climática, medidas coas que facer fronte ás realidades dun mundo máis cálido. Neste contexto, este mércores arrancou en Vigo o proxecto europeo Farclimate, financiado con 4,6 millóns de euros e no que participan 14 socios de cinco países, coordinados desde a Universidade de Vigo polo profesor Pablo Cabanelas, responsable do grupo de investigación Organización do Coñecemento (OE7), conformado principalmente por persoal investigador do ámbito económico e empresarial, así como do eido estatístico.
Estes 14 socios buscarán de maneira conxunta “solucións transformadoras para tratar de entender os cambios que poden vir nos próximos anos asociados ao clima”, tal e como explicou Cabanelas na reunión de lanzamento do proxecto, un encontro que se prolongará ata mañá xoves no edificio Redeiras e que contou tamén coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que foi o encargado de darlle a benvida aos participantes. “Se ben para min hoxe é difícil estar feliz, dado os últimos acontecementos que están a acontecer a nivel internacional, é un orgullo para a nosa Universidade coordinar un proxecto destas características”, subliñou o reitor, quen afondou na idea de que a sociedade terá que realizar importantes cambios para adaptarse ás múltiples consecuencias que o cambio climático trae consigo. “O voso papel será moi importante en todo este proceso, xa que nos ides prover de ferramentas útiles coas que adaptarnos a un cambio global que xa está aquí”, recalcou Reigosa.
Artígo: «Climate resilience through social innovation: the relevance of stakeholder engagement« (Full article)