Xornada sobre financiamento europeo no Campus Crea

Promovida pola Oficina de Proxectos Internacionais (OPI) da Universidade de Vigo, a Facultade de Comunicación acolleu o 24 de marzo unha xornada informativa sobre as oportunidades de financiamento que para o persoal investigador poden supor convocatorias comunitarias como o Programa Europa Creativa, aliñadas coas liñas de traballo do proxecto de especialización Campus Crea. Combinando o seguimento presencial e virtual, tratouse dun encontro dirixido a informar ás e aos investigadores das características, requisitos e prazos tanto das convocatorias de proxectos europeos de cooperación nos sectores cultural e creativo desta iniciativa, como as do Programa CERV (Cidadanía, Igualdade, Dereitos e Valores).

A xornada foi inaugurada pola vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, e a directora da Área de Proxectos Internacionais Educativos, Eva Garea, quen se encargou tamén de afondar nas características dos diferentes programas xunto co técnico da OPI Alberto Rellán. Na súa intervención, Lantarón destacou que Europa Creativa “é para nós un programa moi acaído, porque aliñase perfectamente co Campus Crea”, lembrando nese senso que “conseguir financiamento a través de convocatorias europeas é un ítem importante” no obxectivo de acadar a acreditación de campus de especialización.

Nomeadamente, esta xornada centrouse na convocatoria de proxectos de cooperación de Europa Creativa, que ten entre os eixes “aumentar a competitividade e o potencial económico dos sectores culturais e creativos”; así como no seu Innovation Lab, “que apoia o deseño, desenvolvemento e difusión de ferramentas, modelos ou solucións innovadoras aplicables ao sector audiovisual e outros sectores culturais e creativos”, segundo informaron desde a OPI. Outro dos eixes da xornada foi o programa CERV, que “promove os intercambios sobre prioridades e retos políticos da UE”, así como a súa convocatoria Daphne, centrada no combate da violencia de xénero e da violencia contra a infancia.

Ler a nova no DUVI