No marco do módulo Jean Monnet “Aspectos xurídicos e de gobernanza da Economía Azul Sostible da Unión Europea” (BlueEcoEU), cofinanciado pola Unión Europea, celebrarase entre xuño e xullo de 2025 un curso especializado na Universidade de Vigo centrado nos desafíos regulatorios, lexislativos e de gobernanza vinculados aos sectores marítimos europeos no contexto do Pacto Verde Europeo.
Cunha duración total de 40 horas, o curso desenvolverase nas instalacións da Universidade de Vigo e da Autoridade Portuaria de Vigo, combinando sesións teóricas e prácticas. Contará coa participación de profesorado universitario e profesionais de referencia, entre os que destacan Annina Cristina Burgin, coordinadora deste módulo Jean Monnet; Pablo Riquelme Vázquez; Laura Movilla Pateiro; Francisco José Torres Pérez; o catedrático José Manuel Sobrino Heredia; Eva Garea Oya, directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación; así como representantes do sector industrial como Óscar Gómez (ACLUNAGA) e Carlos Botana Lagarón (Autoridade Portuaria de Vigo).
O programa inclúe temas clave como a transición ecolóxica e dixital na construción naval, as enerxías mariñas renovables, a ordenación do espazo marítimo, o turismo costeiro sostible ou a política de defensa marítima da UE.
O curso está dirixido tanto a alumnado universitario, especialmente de Dereito, Relacións Internacionais, Economía, ADE ou Ciencias do Mar, como a profesionais do sector e público interesado na sustentabilidade mariña.
A inscrición é gratuíta ata o 1 de xuño de 2025, cun máximo de 30 prazas dispoñibles por orde de inscrición. Ofrécese en modalidade presencial, con posibilidade de asistencia remota xustificada, e outorgarase certificado de participación e 1,3 créditos ECTS a estudantes de grao que completen polo menos 12 das 17 sesións.
Más información e inscricións: utilizando o QR ou enviando un correo a blueecoeu@uvigo.gal ou aburgin@uvigo.gal