Proxecto SARIL (HORIZON CL5): Sostibilidade e resiliencia das redes de infraestruturas e loxística da UE

Desde xuño de 2023, 15 socios de oito países, entre eles a Universidade de Vigo, levan a cabo con financiamento europeo o proxecto Saril. O seu obxectivo é mellorar a sostibilidade e a resiliencia das redes de infraestruturas e loxística da UE, desenvolvendo metodoloxías e ferramentas de xestión fronte a eventos disruptivos, como poden ser incendios ou ciberataques. Esta semana, os seus membros reúnense no campus de Ourense para facer balance do traballo feito e planificar o último ano de proxecto.

O obxectivo desta xuntanza é, explicaron os seus responsables, “avaliar o estado global do proxecto, compartir os traballos da fase de simulacións obtidos das ferramentas desenvolvidas e comezar a traballar no período de validación que lideramos dende a UVigo». A programación arrancou este martes na Biblioteca Rosalía de Castro do campus coa participación dunha trintena de persoas en representación dos 15 socios da iniciativa, desde universidades e centros de investigación a grandes empresas. Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, foi o encargado de darlles a benvida, destacando nas súas palabras o enriquecemento académico que supón o desenvolvemento deste tipo de proxectos pero tamén pondo en valor o impacto social que teñen, neste caso no eido da sostibilidade e resiliencia das infraestruturas.

Saril (Sustainablity and resilience for infrastructure and logistics networks), que rematará en xuño de 2026, conta cun orzamento total de arredor de catro millóns de euros, dos que 282.000 corresponden á Universidade de Vigo. Está financiado polo programa Horizonte Europa, concretamente pola convocatoria Novos conceptos e enfoques para redes de loxística e transporte de carga resilientes fronte a eventos disruptivos, incluídas pandemias (Horizon-CL5-2022-D6-02-07). O equipo da UVigo participante está encabezado por Higinio González e formado por Raquel Ortega e Gonzalo Durán, membros da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (Ifcae) da Universidade de Vigo. Ademais da UVigo participan a Autoridade Portuaria de Vigo e Cemosa, de España; Fraunhofer Gesellschaft EMI (líder), de Alemaña; Politecnico de Milano, Rina Consulting SPA e Agenzia Interregionale per il Fiume Po, de Italia; Marlo AS e Sintef AS, de Noruega; Gebüder Weiss GmbH, de Austria; Universidade de Minho e Rangel Invest SA, de Portugal; Alliance for Logistics Innovation through Collaboration in Europe, de Bélxica, e Siec Badawcza Lukasiewicz-Poznanski Instytut Technologiczny e CSL Sp. z o.o., de Polonia.

Ler a nova no DUVI