Proxecto GRANULAR (HORIZON CL6): 23 entidades europeas avanzan en Ourense no desenvolvemento de novas ferramentas para mellorar as políticas rurais

Desde o ano 2022, 23 entidades de dez países europeos, entre elas a Universidade de Vigo, desenvolven o proxecto Granular. Trátase dunha iniciativa que pretende mellorar as políticas rurais da UE. Para facelo aposta polo coñecemento multidisciplinar destas zonas e pola creación de ferramentas reutilizables que permitan comprender mellor as súas características, dinámicas e impulsores. Esta semana, os socios da iniciativa están en Ourense para afondar na realidade do rural galego e avanzar no desenvolvemento dos seus obxectivos.

Novas ferramentas e novos datos para novas políticas

Granular está liderado polo Instituto Agronómico Mediterráneo de Montpellier (Francia) e financiado polo Programa de Investigación e Innovación Horizonte Europa da Unión Europea. Agrupa a arredor de 23 organizacións que suman múltiples coñecementos e habilidades que abarcan ciencias sociais, desenvolvemento rural, ciencias ambientais, economía, ciencias políticas, sociedade, sostibilidade, planificación espacial, análise estatístico, modelización, teledetección, intelixencia artificial e big data. No caso da Universidade de Vigo participa un grupo multidisciplinar procedente das facultades e escolas de Educación e Traballo Social, Historia, Enxeñaría Forestal e Telecomunicación.

O reto xeral de Granular é “identificar, desenvolver e proporcionar datos novos e ferramentas reutilizables para comprender as características, dinámicas e impulsores das zonas rurais e, deste xeito, apoiar a elaboración de políticas baseadas no territorio e nos datos”. Concretamente, a iniciativa ten como obxectivos, sempre en relación coas zonas rurais, conceptualizar a súa diversidade de características e funcionalidades; xerar e avaliar datos novos para apoiar a toma de decisións nestas zonas e desenvolver indicadores para comprender mellor as súas tendencias, ameazas e oportunidades. Tamén quere contribuír a facer operativo o mecanismo rural de garantía; colaborar con axentes de diferentes contextos rurais para recompilar, analizar, validar e avaliar datos; compartir coñecementos e dotar aos axentes rurais de ferramentas para a toma de decisións e apoiar transicións xustas, neutras en carbono e integradoras destas zonas.

Ler a nova no DUVI