Proxecto JUST2CE (H2020): Seleccionado como caso de éxito

Un proxecto sobre a transición á economía circular, seleccionado pola Comisión Europea como caso de éxito

Coordinado polo investigador da UVigo Mario Pansera e a Universitat Autónoma de Barcelona

Liderado polo coordinador do Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo, Mario Pansera, e coordinado pola Universitat Autónoma de Barcelona (UAB), o proxecto europeo Just2ce tivo como obxectivo analizar que factores poderían contribuír ou obstaculizar a transición cara unha economía circular socialmente xusta. Financiado con preto de 3,6 millóns de euros polo programa comunitario Horizonte 2020, contou coa participación de 14 universidades, centros de investigación e organizacións non gobernamentais de nove países de Europa e África e foi seleccionado pola Comisión Europea como caso de éxito.

Completado a finais de 2024, a Dirección Xeral de Investigación e Innovación incorporaba nas últimas semanas este proxecto ao apartado de ‘historias de éxito’ da súa web, sendo o terceiro proxecto H2020 con participación da UVigo incluído nesta relación. “Para nós é un recoñecemento importante”, sinala Pansera, que destaca o valor de que un proxecto centrado “nunha transición xusta á economía circular teña un impacto nos discursos” sobre esta cuestión “dentro da Unión Europea”. Ao mesmo tempo, o responsable do Post-Growth Innovation Lab destaca o positivo desta elección á hora de situar “no mapa, a nivel europeo”, este grupo de investigación, como unha “referencia” en materia de economía circular.

Máis información no DUVI

Para máis información sobre o proxecto, visita a súa web