Up2You, remata en Vigo este proxecto, ponte entre universidade e sociedade

Esta semana pechouse en Vigo o proxecto europeo Up2You, unha iniciativa financiada polo programa Erasmus+ con 400.000 euros e coordinada pola Universidade de Vigo que durante dous anos buscou reforzar os vínculos entre as institucións de educación superior e as organizacións da sociedade civil, apostando por unha educación máis conectada co territorio, inclusiva e orientada ao desenvolvemento sostible.

A xuntanza levouse a cabo no edificio Redeiras e nela partiparon representantes dun consorcio no que participaron sete entidades de España, Francia, Italia, Turquía, Macedonia do Norte e Chipre, baixo o liderado do profesor da Uvigo Tony Crespo Franco, quen exerceu un labor clave para o desenvolvemento das actividades e a consolidación dos resultados.

Minicursos, Living Labs…

Entre estes resultados, destacouse o lanzamento de minicursos formativos deseñados para reforzar tanto as competencias profesionais, como as habilidades clave para o emprego e a cidadanía activa. Así mesmo, puxéronse en marcha os denominados Living Communities Labs, espazos de traballo onde actores diversos (estudantado, docentes, organizacións sociais e administracións) puideron detectar necesidades reais da contorna e deseñar propostas de solución conxuntas.

A maiores elaborouse un Cadro de Mando Comunitario (CBS) desenvolvido de forma participativa nun hackathon internacional celebrado en Chipre, que permite avaliar o progreso cara aos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) en catro áreas clave: social, educativa, económica e medioambiental.

Segundo explicaron desde a organización todas estas actividades supuxeron a implicación directa de arredor de 400 participantes.

Novas actividades a partir de setembro

No caso da Universidade de Vigo, os Living Labs permitiron identificar como reto prioritario o desaxuste entre a oferta formativa e as demandas do mercado laboral.

Ler a nova no DUVI