A Universidade de Vigo reforza o seu posicionamento europeo en I+D+i coa súa participación no Programa de Especialización de Xestores CDTI‑SOST en Bruxelas

A Universidade de Vigo participou na 34ª edición do Programa de Especialización de Xestores (PEG), organizado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) a través da súa oficina de apoio en Bruxelas, SOST-CDTI. Este programa, celebrado entre o 2 e o 20 de xuño de 2025, ten como obxectivo formar e actualizar a xestores con experiencia en programas europeos —especialmente en Horizonte Europa—, así como facilitar o seu posicionamento estratéxico en futuras iniciativas da UE.

A edición deste ano reuniu a profesionais de dez entidades españolas do ámbito da investigación, a tecnoloxía, a administración pública e a innovación, entre elas:

  • Centro Tecnológico de la Construcción de la Región de Murcia (CTCON)
  • Instituto Tecnológico de la Energía (ITE), Valencia
  • TECNALIA, País Vasco
  • Fundació TIC Salut Social, Cataluña
  • IREC – CERCA, Cataluña
  • GRADIANT, Galicia
  • Mossos d’Esquadra – Generalitat de Catalunya
  • Universidade de Vigo, Galicia
  • Universidad de Murcia
  • CIMNE – Universitat Politècnica de Catalunya (UPC)

A participación da UVigo supón un paso máis na súa estratexia de internacionalización e impulso á excelencia na xestión de proxectos de I+D+i, dotando ao seu persoal de ferramentas clave para mellorar a competitividade da universidade no eido europeo.


Unha axenda intensiva e de nivel estratéxico

O PEG é un programa intensivo que combina unha axenda lectiva especializada cunha parte personalizada, na que cada participante deseña, xunto co equipo técnico de SOST-CDTI, un itinerario propio de reunións, visitas e asistencia a eventos europeos relevantes. Esta estrutura permite maximizar o impacto e adaptar os contidos ao perfil institucional e aos intereses estratéxicos de cada entidade.

Durante a primeira semana, os participantes asistiron a sesións sobre o panorama actual da I+D+i en Europa, políticas comunitarias, mecanismos de influencia institucional e os principais clústeres do programa Horizonte Europa. Entre os temas tratados destacaron:

  • Clústeres 1, 3, 5 e 6 (Saúde; Seguridade civil; Clima, Enerxía e Mobilidade; Medio ambiente e Bioeconomía).
  • Estratexias de posicionamento e redes de stakeholders.
  • Iniciativas como o Innovation Fund, Built4People, IHI JU e o Joint Research Centre (JRC).
  • Visitas institucionais, como ao Museo da Historia Europea e ao hub do European Institute of Innovation & Technology (EIT).

A segunda semana centrouse nunha revisión especializada por clústeres e accións clave como:

  • European Innovation Council (EIC) e pasos cara ao futuro FP10.
  • Accións Marie Skłodowska-Curie (MSCA) e programa COST.
  • Clústeres 2 e 4 (Cultura, Creatividade e Sociedade Inclusiva; Mundo dixital, Industria e Espazo).
  • Plataformas estratéxicas como CHIPS JU e STEP.
  • Sesións de networking con entidades europeas, incluída a rede IGLO-RTD.

Impulso á internacionalización

A presenza da UVigo neste programa, da man de Pilar Sieiro técnica da OPI, reforza o seu compromiso coa excelencia na xestión da I+D+i, e permítelle consolidar o seu posicionamento nas futuras convocatorias do programa Horizonte Europa, así como anticiparse ás prioridades do vindeiro marco europeo de financiamento, o FP10.

Este tipo de iniciativas permite á institución ampliar a súa rede de contactos estratéxicos, fortalecer alianzas internacionais e mellorar as súas capacidades para atraer financiamento europeo altamente competitivo.