Os investigadores do CIM-UVigo Carlos García de Leaniz e Paloma Morán participan nun proxecto de restauración de ecosistemas fluviais en Polonia.
Liderado pola Asociación de Cidades e Comunas da Conca do río Parsęta e coa participación de case unha decena de entidades polacas e do resto de Europa, entre elas a Universidade de Vigo, o proxecto Life for Rivers permitirá mellorar o estado ecolóxico das augas da conca do Parsęta, un río do noroeste de Polonia, duns 140 quilómetros de lonxitude que desemboca no mar Báltico. As accións previstas ao abeiro do proxecto, que conta cun orzamento con cargo ao programa europeo LIFE de algo máis de 9 millóns de euros, inclúen a renaturalización para frear o fluxo de auga da conca e restablecer a continuidade entre o río e o seu meandro, así como a mellora do estado ecolóxico das súas augas.
“O obxectivo xeral do proxecto é demostrar a restauración de ecosistemas fluviais e de ribeira saudables a un estado de río de libre fluxo, mediante a eliminación de obstáculos á continuidade ecolóxica en diversas dimensións, como os aspectos lonxitudinais, laterais, verticais, temporais, socioeconómicos e administrativos”, detalla o investigador do CIM-UVigo Carlos García de Leaniz, que lidera a participación da UVigo, xunto á catedrática Paloma Morán, no proxecto europeo, a través de Free-Flow Lab.
O Centro de Educación Ecolóxica, PGW Wody Polskie (Consello da Conca de Koszalin); o Instituto de Pesca Continental Stanisław Sakowicz – Instituto Nacional de Investigación; a Fundación WWF Polska; Stichting Blue Rivers (Países Baixos), o Instituto de Oceanoloxía da Academia Polaca de Ciencia,; a Universidade de Ciencias da Vida de Varsovia e a Dirección Rexional de Protección Ambiental de Szczecin, completan xunto á Asociación de Cidades e Comunas da Conca do río Parsęta e á UVigo a relación de entidades que participan no proxecto.