48 investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo figuran entre os máis citados do mundo na edición 2025 do Ranking of the World Scientists: World’s Top 2% Scientist elaborado pola Universidade de Stanford e Elsevier. O primeiro nesta listaxe, como ven sucedendo nos últimos anos, é David Posada, catedrático de Xenética e investigador do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, que ocupa o posto 780 do mundo e o posto 11 entre os mellores do mundo dentro da súa área de coñecemento.
O catedrático David Posada é o científico máis citado da UVigo e ocupa o posto 780 do mundo con 77.368 citas (excluíndo autocitas) e o posto 840 se se inclúen as autocitas. A base de datos detalla que o investigador do CINBIO ten publicados 179 papers dende 1998 ata 2024 e conta cun índice H de 55 (excluíndo autocitas). Atendendo á clasificación estatal, Posada aparece no oitavo posto entre os investigadores españois máis citados, sendo o primeiro dentro da súa área de coñecemento, a Bioloxía Evolutiva.
Tras Posada, o segundo científico máis citado da UVigo segundo esta clasificación é Jianbo Xiao, investigador do Grupo de Investigacións Agrarias e Alimentarias (AA1) no posto 9440 do mundo, con 27360 citas excluíndo as propias e un índice H de 79. É o décimo segundo experto máis citado do mundo na súa área de coñecemento e o primeiro que aparece dunha institución española no eido da Nutrición. Conta con 648 papers publicados dende dende 2004 ata a actualidade.
Tras el, e na mesma área de coñecemento, aparece neste ránking como terceiro docente máis citado da UVigo o catedrático da Área de Nutrición e Bromatoloxía e investigador do Grupo de Investigacións Agrarias e Alimentarias (AA1) Jesús Simal. Ocupa o posto 36.722 (38.959 se se inclúen as autocitas) e un índica H de 82. Na súa área de coñecemento, Ciencias da Alimentación, subcampo de Nutrición e Dietética, ocupa o posto 46 do mundo e o sétimo entre os investigadores españois. Simal conta con 701 papers publicados dende 1990 ata a actualidade e un total de 26.835 citas (sen autocitas).
Ler a nova no DUVI