Proxecto Marinnonet (INTERREG Atlantic Area)

Nova convocatoria de axudas da rede europea Marinnonet para impulsar proxectos de biotecnoloxía mariña

A rede europea Marinnonet, coordinada polo Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo e cofinanciada pola convocatoria Interreg Atlantic Area, vén de abrir a súa segunda convocatoria de proxectos piloto, destinada a apoiar iniciativas innovadoras que promovan o uso sostible dos recursos mariños e impulsen a economía azul no espazo atlántico.

Esta convocatoria ofrece financiamento, ata 30.000 euros por proxecto, para probar novas ideas no ámbito da biotecnoloxía mariña, facilitando a conexión entre centros de investigación, empresas e outros axentes do sector. O obxectivo é avanzar na transferencia de coñecemento e na creación de solucións con potencial de mercado a partir de recursos mariños. Trátase de impulsar a bioeconomía azul en tres áreas clave: acuicultura sostible, tecnoloxías de observación mariña e produtos industriais relacionados co mar.  

O prazo de presentación de propostas está aberto ata o vindeiro día 20 de outubro e as propostas seleccionadas recibirán, ademais dunha asignación económica,  acceso á rede de infraestruturas e coñecemento de Marinnonet en Portugal, España, Francia, Irlanda e Reino Unido.

Ler a nova no DUVI