E-Talent (Ecuadorian tertiary educators transformation and learning enhancement) é o título dun novo proxecto europeo no que participa a Universidade de Vigo e que ten como obxectivo a transformación estrutural da carreira docente na educación superior en Ecuador. Con este reto, traballará na recualificación de máis de 400 docentes con competencias aliñadas coas demandas da economía de servizos e a transformación dixital; no establecemento de centros de formación de profesorado e no fomento da gobernanza universitaria, a transparencia e o bo goberno.
Os socios desta iniciativa son o Instituto Politécnico do Porto (coordinador), a Red Enter (European Network for Teachers and Researchers), a Universidade de Vigo e 12 institucións ecuatorianas, entre elas numerosas universidades dese país e a Corporación Ecuatoriana para el Desarrollo de la Investigación y Academia (CEDIA). E-Talent está financiado polo programa Erasmus+ CBHE (Capacity Building in Higher Education) da Unión Europea con case un millón de euros, dos cales 90.000 corresponden á UVigo, e terá unha duración de 48 meses, abranguendo desde 2025 a 2029.
A UVigo participa a través dun equipo multidisciplinar integrado por persoal docente e investigador tanto do campus de Ourense coma de Vigo. Do primeiro están membros do grupo HC1 (Historia Contemporánea 1), da Facultade de Educación e Traballo Social, do grupo Aeroespacial Technology Research Group e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Do segundo están membros do grupo Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. O equipo participante amosa a súa satisfacción por ser parte dunha “iniciativa internacional que busca transformar e fortalecer as capacidades do profesorado universitario no sector servizos dentro do sistema de educación superior de Ecuador”. A súa implicación neste proxecto, engaden, reafirma o compromiso da institución académica “coa cooperación internacional e a mellora da calidade da educación superior en América Latina”.
Cinco eixes estratéxicos
O proxecto propón unha reforma estrutural da carreira docente no país, baseada en cinco eixos fundamentais, como son: o fortalecemento de centros de excelencia docente; a creación de traxectorias de desenvolvemento profesional con estándares internacionais; a promoción do recoñecemento social e profesional do educador; a implementación de centros de desenvolvemento profesional aliñados con estándares globais e o impulso a unha xestión universitaria máis transparente e orientada a resultados. E-Talent perfílase como unha iniciativa de longo alcance, “que non só pretende mellorar a calidade educativa, senón tamén fortalecer o rol do docente como actor central nos procesos de innovación e transformación institucional”.
Ler a nova no DUVI