A aparición de mutacións fármaco resistentes constitúe un grave problema na loita contra os microorganismos patóxenos. Os métodos actuais, baseados na análise de resistencia xenotípica, non permiten predicir os cambios evolutivos, provocando a ineficacia dos tratamentos. Facer fronte á fármaco resistencia é precisamente o principal obxectivo do proxecto Preres, Predicting protein evolutionary trajectories toward resistance against antiretroviral treatments (en galego, Predición das traxectorias evolutivas das proteínas cara á resistencia aos tratamentos antirretrovirais), un proxecto posdoutoral que conta co apoio do programa europeo Marie Skłodowska-Curie Actions, sendo a Universidade de Vigo a única institución beneficiaria cun orzamento de 181.150 euros.
Liderado por Valeria Zoni, investigadora do grupo de Evolución Molecular Computacional do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, e coa supervisión do investigador Miguel Arenas, o proxecto pretende acadar un pioneiro método preditivo que aproveite a evolución molecular e a bioloxía computacional para predicir a evolución de dianas farmacolóxicas do VIH-1 e mellorar así a selección de terapias. Arrancaron o pasado mes de setembro e por diante quédanlle dous anos de intenso traballo.
