Premio Zendal para un proxecto do CINBIO sobre cancro de mama triplo negativo

O grupo CellCOM do Centro  de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, CINBIO, liderado por María Mayán, gañou o premio Zendal na categoría saúde humana por un traballo sobre o cancro triplo negativo, unha variante especialmente agresiva e con poucas opcións de tratamento. O grupo biofarmacéutico con sede en O Porriño deu a coñecer hoxe os International Zendal Awards, que este ano acadan a súa quinta edición e que foron entregados o 11 de novembro en Vigo. O xurado dos premios, integrado por especialistas no ámbito da saúde, tamén galardoou na categoría de saúde animal, o desenvolvemento dunha vacina fronte á febre do Val do Rift, presentado por Alejandro Brun, do Centro de Investigación en Sanidad Animal (CISA–INIA).

“Este recoñecemento supón un empuxón importante para poder dar o primeiro paso en transferencia e poder chegar, nun futuro á nosa meta, que é chegar ao paciente. O premio sitúanos na saída dunha longa carreira que requerirá maior financiamento e apoio, pero isto é o inicio e facémolo con moitísima ilusión e emocionados de que ocorra con apoio e recoñecemento por parte destes premios, con tanto prestixio, e una empresa da calidade de Zendal”, sinala María Mayán.

Máis de 170 candidaturas presentáronse a esta quinta edición dos premios, que outorgan 40.000 euros na categoría de saúde humana e 25.000 na de animal. Mentres a investigación sobre o cancro e as propostas de terapias avanzadas e de precisión, así como as vacinas e a resistencia antimicrobiana, foron dos temas maioritarios das candidaturas presentadas no apartado de saúde humana, as propostas de saúde animal centrárose nesta edición en cuestións como a innovación e saúde global, con especial atención ao desenvolvemento de vacinas, zoonose, resistencia antimicrobiana e alternativas terapeúticas, como a diagnose de precisión e benestar animal. 

Unha nova estratexia terapéutica para determinados tumores

O proxecto do grupo CellCOM desenvolve unha nova estratexia terapéutica para determinados tipos de tumores entre eles o cancro de mama triplo negativo con mutacións en BRCA1/2, un dos máis agresivos e difíciles de tratar, cunha proposta baseada en restaurar a proteína conexina43 (Cx43) mediante nanovesículas, aumentando a eficacia de fármacos que afectan a reparación do ADN como son os inhibidores de PARP para evitar a resistencia ao tratamento. Ademais, esta aproximación potencia a resposta inmune antitumoral, o que permitiría aumentar a eficacia de determinadas inmunoterapias para mellorar os resultados. 

O proxecto busca validar esta terapia innovadora en modelos preclínicos e abrir camiño cara tratamentos máis eficaces para pacientes con cáncer de mama e outro tipo de tumores, con beneficios potenciais tanto na supervivencia como na calidade de vida das pacientes afectadas. ‎O grupo de investigación do CINBIO ten protexida esta aproximación terapéutica en tres patentes e parte dos resultados foros publicados en revistas internacionais de alto prestixio como Nature Communications en xullo de 2025…

Ler a nova completa no DUVI