Con preto de 3 millóns de euros de orzamento, o proxecto prolongarase ata marzo de 2028
Impulsar unha cosmética e nutrición sostibles a partir de recursos mariños. Este é o principal obxectivo co que se pon en marcha o proxecto europeo Smacc+ (Compostos bioactivos sostibles a partir de microalgas e cianobacterias para aplicacións cosmecéuticas e nutracéuticas), unha iniciativa financiada nun 75% pola Unión Europea no marco da convocatoria Interreg Atlantic e coordinada cientificamente polo grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible (EQ-2), adscrito ao CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomaterias e Biomedicina da Universidade de Vigo, pertencente á Rede Cigus.
O pasa tivo lugar nas instalacións do CINBIO unha primeira reunión de lanzamento do proxecto na que participaron a meirande parte dos socios e onde se foron presentando os distintos paquetes de traballo. Encargouse de darlles a benvida a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo; o director do CINBIO, Miguel Correa, e a responsable de proxectos Interreg Atlantic, Isabel Moreira da Silva.
9 socios de 4 países liderados desde a UVigo
Cun orzamento de 2.803.068,07 €, Smacc+ prolongarase ata finais de abril de 2028, formando parte do consorcio, ademais da Universidade de Vigo, La Rochelle Université (Francia), a University College Dublin (Irlanda), o Instituto Tecnológico de Canarias (España), Alga Fuel S.A. (Portugal), o Instituto Politécnico de Bragança (Portugal), a University of Galway (Irlanda), Alga Biologics (Francia) e a Fundación Finnova (España); así como outras entidades asociadas como Aqualgae, S.L. (Portugal), Industrial Farmacéutica Cantabria S.A. (España), o Consejo Insular de la Energía de Gran Canaria (España), Cosmetic Valley (Francia) e a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático da Xunta de Galicia.
Por parte da Universidade de Vigo, ademais do equipo EQ-2, tamén participa persoal investigador do grupo de Física Aplicada 2, cun orzamento de 548.599,16 € para o seu paquete de traballo que, ademais dos labores de xestión e divulgación, estará centrado especialmente na extracción e recuperación dos bioactivos, así como na aplicación e validación dos produtos desenvolvidos.
Na procura de ingredientes que substitúan aos aditivos sintéticos
Coa vocación de apostar pola innovación e o desenvolvemento tecnolóxico no aproveitamento do potencial dos recursos mariños, Smacc+ nace co obxectivo de transformar os sectores cosmecéutico e nutracéutico mediante o uso de compostos bioactivos e biopolímeros obtidos de microalgas e cianobacterias. Así, baseándose na optimización do cultivo de microalgas e a valorización dos seus subprodutos, o equipo científico do proxecto desenvolverá solucións sostibles de fácil escalado que favorezan a adopción de alternativas renovables e responsables coa contorna. “Buscamos producir ingredientes de alto valor que substitúan aos aditivos sintéticos, reducindo o consumo de auga e minimizando o residuos”, explica o persoal investigador responsable do proxecto.
Leer a nova completa no DUVI
