A institución académica é referente internacional en once ámbitos de coñecemento. No ámbito de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos a UVigo está no posto 17, mellorando a posición do ano pasado, cando estaba no 34
A Shanghai Ranking Consultancy, responsable do ránking ARWU (máis coñecido como ránking de Shanghai), acaba de facer público o seu Global Ranking of Academic Subjects (GRAS) 2025, a clasificación das mellores universidades do mundo en 57 materias de investigación. Nel, a Universidade de Vigo mantense como primeira universidade española en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e sube ao posto 17 do mundo. En total son once os ámbitos de coñecemento nos que a UVigo se posiciona entre as institucións de educación superior referentes a nivel internacional.
O Global Ranking of Academic Subjects, constitúe, segundo os seus responsables “o ránking máis completo e obxectivo» das universidades do mundo por ámbitos de investigación, baseando as súas clasificacións nunha variedade de indicadores e datos para medir o desempeño de arredor de 5000 universidades de todo o mundo (das que finalmente arredor de 2000 figuran no ránking) en eidos relevantes, incluídos premios internacionais, logros científicos, calidade da investigación, investigadores máis citados e colaboración internacional.
O papel dos institutos e centros de investigación
Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación amosa a satisfacción da Universidade de Vigo polos resultados acadados neste Global Ranking of Academic Subjects 2025. “Melloramos en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, onde subimos ao posto 17, e mantemos moi boas posicións noutras”, apunta.
Ler a nova completa no DUVI