O pleno da Unidade da Muller e da Ciencia da Xunta de Galicia decidiu outorgar, por unanimidade, o Premio María Josefa Wonenburger Planells á catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo, África González, en recoñecemento o seu labor de investigación en inmunoloxía e nanomedicina. Considerada unha das científicas máis prestixiosas de Europa neste ámbito, África González (Madrid, 1962) é licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Alcalá coa especialidade en Inmunoloxía, ao tempo que presentaba a súa tese de doutoramento. Posteriormente, realizou importantes investigacións no Laboratory of Molecular Biology de Cambridge onde participou na técnica de investigación da obtención de anticorpos monoclonais. No ano 1996 instalouse en Vigo onde puxo en marcha a primeira Área de Inmunoloxía das universidades galegas.