Investigadores da UVigo articulan nun libro “outra idea da innovación”, desvinculada do crecemento económico

Analizar como sería unha sociedade capaz de prosperar sen necesidade dun crecemento económico continúo constitúe o eixe central do proxecto Prospera, no que o grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo traballou ao longo dos últimos cinco anos. Financiado polo Consello Europeo de Investigación (ERC), os estudos, experiencias e reflexións xurdidos no marco desta investigación constitúen o punto de partida do libro no que Mario Pansera, director deste grupo de investigación, e Javier Lloveras articulan “outra idea da innovación”, desafiando a visión “predominante”, sinalan, de que “a innovación e o crecemento deben estar intrinsecamente vinculados”.

Publicado en acceso aberto pola prestixiosa editorial Bristol University Press, o libro Post Growth Innovation: Resisting the Pursuit of Endless Economic Growth aborda como a idea do crecemento económico “reprodúcese constantemente nas nosas sociedades, baseándose en gran medida nunha fe incondicional no desenvolvemento tecnolóxico e a innovación”. Partindo da idea de que a innovación “non é neutral”, senón “un proceso social con valores e obxectivos específicos”, Pansera e Lloveras abordan esta cuestión desde a óptica do decrecemento, avogando por un “modelo de innovación arraigado no coidado, a reparación e a participación democrática”.

Resisting the Pursuit of Endless Economic Growth 📙

Máis información no DUVI