O pasado 22 de xaneiro, no marco da Feira Internacional de Turismo (FITUR), presentouse oficialmente o proxecto TourisFarm: An innovative approach to rural tourism education and economic development, unha iniciativa europea que aposta pola innovación na formación turística e polo desenvolvemento económico do medio rural.
Seleccionado en 2025 como proxecto Erasmus+ KA220-HED (Cooperación entre organizacións e institucións), TourisFarm reúne un consorcio de universidades e empresas de distintos países europeos, coa Universidade de Vigo á cabeza como entidade coordinadora, xunto cos socios Università degli Studi di Padova (Italia), Sherpa srl (Italia), Associação Porto Business School (PBS) – UPorto (Portugal), Univerza na Primorskem – Università del Litorale (Eslovenia) e Feedyou s.r.o. (República Checa).
A presentación tivo lugar durante a Xornada AECIT-2026, organizada pola Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo (AECIT), un destacado encontro académico-profesional celebrado no contexto de FITUR. En representación do proxecto participaron Diego R. Toubes, coordinador de TourisFarm, e Noelia Araújo, quen deron a coñecer os obxectivos, o enfoque innovador e o impacto esperado desta iniciativa no ámbito do turismo rural e da educación superior.