A UVigo lidera o deseño dun mestrado internacional que conecta humanidades e tecnoloxía

Socios Erasmus Mundus Intertwined

O campus de Ourense acolleu os días 21 e 22 de xaneiro a primeira xuntanza presencial do proxecto Intertwined (International Master in Intertwined Humanities and Technology). Liderado desde a Universidade de Vigo, a iniciativa reúne institucións académicas de seis países co obxectivo de deseñar un mestrado internacional conxunto e interdisciplinar que interconecte humanidades e tecnoloxía.

Intertwined está financiado pola convocatoria Erasmus Mundus Design Measures do programa Erasmus+ da Unión Europea, convocatoria orientada ao deseño de novos mestrados conxuntos internacionais. Comezou en novembro de 2025, rematará en xaneiro de 2027 e os seus socios son, ademais da UVigo, a Universidade Maria Curie-Skłodowska de Lublin (Polonia), a Vilnius Gediminas Technical University (Lituania), a Hellenic Mediterranean University (Grecia), a Selçuk University (Turquía) e a Arab Academy for Science, Technology and Maritime Transport (Exipto). 

O proxecto, sinala o seu investigador principal, Martín López Nores, catedrático de Enxeñaría Telemática da UVigo, “está coordinado pola Universidade de Vigo porque foi aquí onde xurdiu a idea, que inmediatamente recibiu apoio de socios da universidade europea ATHENA e atopou nos socios de Turquía e Exipto unha extensión moi propicia para incorporar perspectivas e culturas máis diversas, así como para ofrecer, por exemplo, dentro da especialización en Patrimonio Cultural Dixital, un marco de aprendizaxe práctica tan notable como o Grand Egyptian Museum que se inaugurou hai apenas uns meses”. 

Ler a nova no DUVI