A UVigo lidera un proxecto europeo centrado no fortalecemento do agroturismo

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo acolle esta semana o seu lanzamento

Fortalecer o agroturismo mediante clústeres intelixentes que integren patrimonio cultural inmaterial, prácticas agrícolas sostibles e mercadotecnia dixital avanzada. Con este obxectivo bota a andar TourisFarm, un proxecto con financiamento europeo no que participan socios académicos e empresariais de cinco países liderados desde a Universidade de Vigo. 

Ademais da UVigo forman parte do consorcio de TourisFarm outras tres universidades europeas, como son a Università degli Studi di Padova (Italia); o Porto Business School, da Universidade de Porto (Portugal) e a Univerza na Primorskem-Università del Litorale (Eslovenia). Tamén participan dúas empresas: a empresa de tecnoloxía FeedYou SRO (República Checa) e a consultora de gobernanza territorial e desenvolvemento sostible Sherpa SRL (Italia). O equipo da Universidade de Vigo que lidera a iniciativa está formado por Diego R. Toubes (coordinador principal), José Antonio Fraiz e Noelia Araújo, persoal docente e investigador da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, membros do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (Cispac) e do grupo de investigación da UVigo Organización e Comercialización (OC2). A iniciativa forma parte e dá impulso á liña de traballo deste equipo en turismo rural sostible. 

TourisFarm ten unha duración de tres anos e un orzamento total de 400.000 euros, senso seleccionado e financiado pola convocatoria de proxectos Erasmus+ KA220-HED. Cooperación entre Organizacións e Institucións, da Unión Europea. A xornada de lanzamento da iniciativa celébrase estes días no campus de Ourense, contando coa participación presencial de socios de España, Eslovenia, Italia e República Checa e coa participación virtual dos demais membros. Na súa apertura, a delegación da UVigo amosou a súa satisfacción por liderar este proxecto, subliñando del o seu enfoque nun desenvolvemento rural sostible e tamén pola oportunidade que ofrece o programa Erasmus+ “de crear vínculos e compartir coñecementos, establecer lazos e pontes con outras universidades e empresas de Europa”. Alén do traballo no campus de Ourense, a xornada, que conta co apoio da Oficina de Proxectos Internacionais da UVigo, inclúe a visita a iniciativas rurais en Allariz e Verín ás que se unirán tamén alumnado do mestrado e do programa de doutoramento en Turismo da Universidade de Vigo. 

 

Ler a nova no DUVI