O pasado 4 e 5 de marzo de 2026, no museo municipal Quiñones de León de Vigo, a Universidade de Vigo organizou a actividade teatral Misterio no pazo, un teatro divulgativo e inmersivo que rendiu homenaxe á escritora Agatha Christie no ano no que se cumpriron 50 anos do seu pasamento e coincidindo coa celebración do Día Mundial do Teatro. Varios investigadores e técnicas da UCC+i e da Oficina de Proxectos Internacionais (OPI) colaboraron no desenvolvemento do evento.
Non foi unha obra de teatro convencional, senón unha experiencia participativa na que máis de 200 estudantes de 1.º de ESO foron protagonistas activos. Divididos en grupos, colaboraron coa investigadora Señorita Marple (interpretada por Mónica Camaño) e co elenco para resolver o asasinato de Ruby Keene, protagonista da trama inspirada en Un cadáver na biblioteca.
A montaxe combinou diferentes probas científicas coa dramaturxia. Deste xeito, o alumnado do IES Álvaro Cunqueiro, Alexandre Bóveda, Carlos Casares e do CPR Jesuitinas Miralba colaborou activamente cos investigadores da UVigo para reconstruír os feitos e descubrir a persoa ou persoas responsables da morte de Ruby (interpretado pola nosa compañeira de Atracción de Talento na OPI, Adriana Santos), analizando o ADN e as pegadas presentes na escena, estudando a presenza do pole de lirio —a flor preferida de Ruby Keene— na roupa das sospeitosas e sospeitosos e examinando os xeitos de falar e escribir de cada un deles.
Coordinados polos investigadores da UVigo Celestino Quintela Sabarís, Nerea Cazás Fraga; Paloma Morán Martínez, André Vidal Capón, Víctor Martínez Mariño e Guillermo Blanco González, a cativada tivo a oportunidade de comparar evidencias e elaborar conclusións, experimentando en primeira persoa o proceso científico de formulación de hipóteses e interpretación de resultados.
A dramatización integraba probas científicas reais adaptadas ao alumnado, deseñadas por distintos grupos de investigación da Universidade de Vigo:
• recollida de mostras de ADN, pegadas e análise toxicolóxica,
• estudo de pole (palinoloxía) para buscar pistas,
• e análises de idiolecto para interpretar patróns de fala dos sospeitosos.
O alumnado participante tamén recibiu unha charla sobre a vida e obra da escritora británica Agatha Christie, contextualizando o período histórico no que desenvolveu a súa produción literaria e afondando nalgunhas das súas obras máis emblemáticas e nas personaxes que a converteron na gran dama do misterio, como Hercule Poirot ou Miss Marple. A sesión permitiú poñer en valor a enorme influencia da autora na literatura contemporánea e tamén na súa proxección cinematográfica, ao tempo que se recomendarán lecturas adaptadas a distintos públicos, especialmente ao xuvenil. Nesta actividade participaron membros da Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ), do grupo de investigación TALES (Translation, Accessibility, Literature, and Screen) e do grupo de innovación docente GTICH da Universidade de Vigo.
Esta proposta uniu ciencia, investigación e teatro de maneira creativa, co obxectivo de que os rapaces non só se divertisen, senón que tamén experimentasen e pensasen como científicos mentres avanzaban na resolución do misterio.


