O proxecto europeo Coblages remata propondo unha metodoloxía de aprendizaxe comunitaria intexeracional

Por parte da UVigo estivo profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social

Desde setembro de 2023 catro universidades e unha ONG de Portugal, Turquía, Romanía e España, entre elas a Universidade de Vigo, desenvolveron o proxecto europeo Coblages. A iniciativa acaba de rematar propondo unha metodoloxía de aprendizaxe comunitaria intexeracional en ensino superior “para ter estudantado mellor preparado para un mundo envellecido”. 

Coblages (Using community-based learning to prepare higher education students for an ageing world), contou cun orzamento total de 250.000 euros e estivo financiado pola Axencia Nacional Erasmus+ de Portugal e pola convocatoria KA220-HED Cooperation Partnerships in Higher Education, da Unión Europea. Coordinado polo Instituto Politécnico de Viseu (Portugal), ademais da Universidade de Vigo foron socios Aproximar-Cooperativa de Solidariedade Social (Portugal); a Ankara Bilim Üniversitesi (Turquía), e a Asociatia European Association for Social Innovation e a Universitatea de Vest din Timisoara, de Romanía. Por parte da UVigo participou un equipo da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense coordinado por Xosé Manuel Cid e formado por Jesús Deibe Fernández Simo, Esther Pérez, Miguel Ángel Vázquez e Santiago Abal, xunto con María Victoria Carrera Fernández, Nazaret Blanco Parco e Sara Martínez Carrera. Este equipo liderou o desenvolvemento da metodoloxía para usar Coblages como ferramenta para a cidadanía interxeracional na preparación das e dos estudantes; a formación conxunta dos socios e o establecemento de directrices e ferramentas para a implantación activa e facilitación de obradoiros de cidadanía interxeracionais.

Ao longo destes dous anos e medio de traballo conxunto, o obxectivo de Coblages foi crear unha metodoloxía que puidese ser usada por profesorado de educación superior, xestores comunitarios e alumnado para fomentar a cooperación interxeracional entre mocidade e persoas maiores de 60 anos. Nun contexto no que “cada vez hai menos diálogo entre xeracións” e un maior envellecemento, subliña Xosé Manuel Cid, os socios do proxecto traballaron arredor de como fomentar esas relacións interxeracionais partindo da idea de que “a calquera idade temos opinións válidas e que poden achegar solucións aos problemas da nosa sociedade”. Igualmente buscouse unha metodoloxía que permitise ao estudantado obter competencias contemporáneas (verde, dixital e lonxevidade) para estar mellor preparados para o envellecemento da poboación. 

Ler a nova no DUVI.