A Universidade de Vigo lidera o proxecto europeo ACTIV-N para a protección de colectivos vulnerables fronte a riscos ambientais

Hai uns días tivo lugar a reunión de lanzamento (Kick-off Meeting) do proxecto ACTIV-N, unha ambiciosa iniciativa do programa Interreg Atlantic Area que está baixo a coordinación do equipo de investigación da Universidade de Vigo.

Cun orzamento de preto de 3 millóns de euros, o proxecto conta cun consorcio de 20 institucións europeas de referencia, entre as que destacan a Universidade de Santiago de Compostela, o Instituto Nacional de Investigação Agrária e Veterinária (INIAV), a Universidad del País Vasco (UPV/EHU), NEIKER, ERNAC, a University of Galway e o Gerontopole, entre outras.

ACTIV-N nace co obxectivo de desenvolver ferramentas innovadoras que permitan involucrar de xeito activo ás persoas máis vulnerables na redución dos riscos ambientais. Trátase dun proxecto cun marcado carácter de responsabilidade social, que busca dar solucións transversais aos retos climáticos e ecolóxicos actuais dende unha perspectiva inclusiva.