Curso do proxecto Jean Monnet BlueEcoEU sobre a Economía Azul Sostible da Unión Europea

No marco do Módulo Jean Monnet BlueEcoEU, organizarase no mes de xuño de 2026 o curso “Aspectos xurídicos e de gobernanza da Economía Azul Sostible da Unión Europea”.

Coordinado pola profesora Annina Cristina Burgin Piñeiro Oliveira, o curso ten como obxectivo afondar no coñecemento dos marcos regulatorios, propostas lexislativas e aspectos de gobernanza vinculados á economía azul sostible no ámbito da Unión Europea. Ao longo das sesións abordaranse cuestións como o dereito da UE e os seus procedementos de toma de decisións, a regulación do transporte marítimo, os recursos mariños, as enerxías renovables mariñas, a biotecnoloxía azul ou as políticas vinculadas ao turismo costeiro e aos portos .

A actividade desenvolverase do 1 ao 30 de xuño de 2026, cun total de 40 horas presenciais no Edificio Redeiras da Universidade de Vigo, e contará coa participación de profesorado universitario e persoal experto procedente de distintos ámbitos .

Dirixido ao alumnado universitario, profesionais dos sectores relacionados coa economía azul, persoal da administración pública e público en xeral, o curso resulta de especial interese para ámbitos como o Dereito, as Relacións Internacionais, a Economía, a Administración e Dirección de Empresas ou as Ciencias do Mar .

A inscrición é gratuíta e poderá realizarse ata o 27 de maio de 2026, usando o QR ou enviando un correo a blue.eco.eu@uvigo.gal .

Máis información sobre o curso:
https://blue.eco.eu.webs.uvigo.es/es/actualidad/2-curso-aspectos-juridicos-y-de-gobernanza-de-la-economia-azul-sostenible-de-la-union-europea