Evento final do proxecto europeo DACEM sobre a innovación dos catálogos académicos na educación superior

O proxecto europeo KA2 DACEM (Digitasing Academic Catalogues for Enhanced Mobility) financiado polo programa Erasmus+ e coordinado pola UVigo, celebrará no mes de xuño de 2026 o seu evento final, no que se presentarán os principais resultados e recomendacións desenvolvidas ao longo do proxecto.

Esta iniciativa ten como obxectivo mellorar o acceso, a calidade e a interoperabilidade dos catálogos académicos das institucións de educación superior, co fin de facilitar a mobilidade estudantil en Europa e optimizar o uso da información académica por parte de estudantes, institucións e outros axentes implicados.

O evento final estrutúrase en dúas sesións diferenciadas. Por unha banda, o 11 de xuño terá lugar un seminario en liña (10:30–12:00 CEST), no que se presentarán os principais resultados do proxecto, seguido dun espazo de preguntas e debate. Por outra banda, o 17 de xuño celebrarase en Bruxelas (University Foundation) unha conferencia presencial de xornada completa, que incluirá paneis de expertos, demostracións da plataforma DACEM e sesións interactivas centradas na interoperabilidade, as necesidades de datos e as perspectivas de futuro.

Ao longo do evento abordaranse cuestións clave como os retos actuais no acceso e uso da información dos catálogos académicos, a situación do ecosistema europeo neste ámbito ou as posibles melloras en termos de calidade, consistencia e sustentabilidade destes sistemas.

A conferencia está dirixida a institucións de educación superior, responsables de políticas públicas e axentes vinculados á mobilidade estudantil, ofrecendo ferramentas prácticas, recomendacións e liñas de acción para mellorar os catálogos académicos e reforzar os procesos de mobilidade.

As persoas interesadas poderán participar nunha ou nas dúas sesións do evento.

As persoas interesadas poderán inscribirse no evento a través da seguinte ligazón: https://ec.europa.eu/eusurvey/runner/dacem-final-event

O programa completo do evento pode consultarse aquí .