A Universidade de Vigo participa durante o curso 2025/2026 no programa europeo EU-FORA (European Food Risk Assessment Fellowship Programme), unha iniciativa da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) orientada a reforzar a formación e a capacidade investigadora en avaliación de riscos alimentarios.
No marco desta convocatoria, o grupo Nutrition and Food Group (NuFoG) da UVigo, liderado por Miguel Ángel Prieto Lage, desenvolve tres proxectos centrados en retos clave da seguridade alimentaria: A Data Model for Assembling Published Information on Food-associated Antimicrobial Resistance in Zoonotic Bacteria (AMR_datamodel), Application of a New Risk Assessment Scheme for Low-Risk Pesticides (LowRiskPesticides), Risk Assessment of Heavy Metals in Fish from a Major European Fishing Hub (RAHMFISH). Dous deles contan coa UVigo como institución de orixe, permitindo a mobilidade internacional de dúas investigadoras predoutorais, mentres que un terceiro sitúa á universidade como institución de acollida.
Ana Sofia Andrade de Faria realiza a súa estancia no Instituto Politécnico de Bragança (Portugal), onde traballa no desenvolvemento dun modelo de datos sobre resistencia a antimicrobianos en bacterias zoonóticas. Pola súa parte, Paula Barciela Álvarez está na Aristotle University of Thessaloniki (Grecia), centrada na avaliación de riscos de pesticidas de baixo risco de orixe natural.
Ademais, a UVigo acolle a investigadora Ana Olívia Serra Jorge, procedente da Universidade do Porto, quen desenvolve un proxecto sobre a presenza de metais pesados en peixe do porto de Vigo e o seu impacto na saúde dos consumidores. No marco do programa, a investigadora tamén tivo a oportunidade de visitar a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), onde coñeceu de primeira man o seu funcionamento e as súas actividades no ámbito da avaliación e xestión do risco alimentario (pode consultarse a nova aquí). Esta visita contribuíu a reforzar a dimensión práctica do proxecto e a estreitar a conexión co ámbito regulador.
En conxunto, os tres proxectos abordan cuestións clave como a resistencia antimicrobiana, a presenza de contaminantes nos alimentos e o desenvolvemento de novas metodoloxías para a avaliación de riscos. O seu avance contribúe a reforzar a base científica que sustenta a toma de decisións en seguridade alimentaria e a mellorar a protección das persoas consumidoras a nivel europeo.
Esta participación inscríbese na 9ª edición do programa EU-FORA (2025–2026), que reúne persoal investigador de distintos países europeos e promove a colaboración entre institucións de referencia no ámbito da seguridade alimentaria. Para a Universidade de Vigo, supón unha oportunidade para reforzar a súa proxección internacional e consolidarse como axente activo nunha rede europea de formación avanzada e cooperación científica en avaliación de riscos alimentarios.