A Universidade de Vigo celebrou do 4 ao 8 de maio a súa Semana Internacional 2026, unha iniciativa organizada pola Oficina de Relacións Internacionais (ORI) baixo o lema “A inclusión no centro: perspectivas internacionais para o cambio institucional”. Durante esta semana, profesionais e representantes de distintas universidades europeas participaron en actividades, relatorios e encontros arredor da internacionalización, a inclusión e a cooperación académica.
No marco desta programación, o profesor Manuel Caeiro Rodríguez, coordinador do proxecto europeo KA2 DACEM (Digitasing Academic Catalogues for Enhanced Mobility) financiado polo programa Erasmus+ e coordinado pola UVigo, participou en dúas sesións centradas na innovación educativa e na mobilidade internacional do estudantado.
A primeira delas tivo lugar o luns 4 de maio no edificio Miralles do campus de Vigo, baixo o título “DACEM: Open-source platform enhancing Course Catalogue quality and Erasmus+ mobility (ECTS compliant)”. Durante a sesión déronse a coñecer os avances da plataforma DACEM como ferramenta aberta para mellorar a calidade dos catálogos académicos e facilitar os procesos de mobilidade Erasmus+, garantindo a compatibilidade cos estándares ECTS.
A segunda actividade desenvolveuse o xoves 7 de maio nas instalacións do edificio Redeiras, dentro da programación da mesa redonda internacional sobre inclusión e cambio institucional. Nesta ocasión, Manuel Caeiro dirixiu o “DACEM Workshop Students”, un obradoiro práctico orientado ao estudantado participante na semana internacional, no que se abordaron dinámicas vinculadas á mobilidade, á experiencia internacional e ao uso de ferramentas dixitais abertas para a mellora da cooperación universitaria.
As sesións permitiron visibilizar o traballo desenvolvido polo proxecto DACEM no ámbito da transformación dixital e da internacionalización universitaria, así como reforzar o compromiso da UVigo coa creación de espazos académicos máis inclusivos, conectados e accesibles para toda a comunidade educativa.
As actividades contaron cunha participación activa de alumnado e persoal internacional, consolidando esta edición da Semana Internacional do Persoal como un espazo de encontro e intercambio de boas prácticas entre institucións europeas.