Convértese no primeiro investigador galego en recibir este recoñecemento internacional
O investigador do centro CINTECX e catedrático da Universidade, Pedro Arias, vén de ser galardoado co TRA VISIONS Senior Researcher Award in the Road category, un dos máximos recoñecementos científicos outorgados pola Comisión Europea. O premio foi entregado na Transport Research Arena (TRA) conference en Budapest, o principal foro europeo de investigación e innovación no sector do transporte.
Este fito, que o converte no primeiro investigador galego en obter este galardón, referenda a excelencia da nosa institución no Espazo Europeo de Investigación (ERA) e demostra o forte retorno e impacto das liñas de investigación financiadas con fondos europeos.
O impacto dos proxectos europeos na vangarda tecnolóxica
O xurado da Comisión Europea valorou non só a calidade científica de Arias, senón un aspecto fundamental para o éxito nos programas marco europeos: a súa sólida capacidade para liderar e coordinar proxectos europeos e consorcios internacionais, impulsando a transferencia tecnolóxica e conectando a investigación académica coa industria e as políticas públicas.
A súa traxectoria investigadora está aliñada coas principais prioridades estratéxicas de Europa, centrando os seus esforzos en áreas de alto nivel competitivo.
«Entendo que o premio recoñece unha traxectoria de investigación aplicada ao ámbito das infraestruturas viarias e a da súa dixitalización. Supón unha oportunidade moi relevante para proxectar internacionalmente a investigación que se fai desde Galicia no ámbito das infraestruturas e da mobilidade viaria» – Pedro Arias, Catedrático e investigador de CINTECX.
