Arranca un mes para coñecer os marcos regulatorios, propostas lexislativas e aspectos de gobernanza dos sectores azuis

A formación está destinada a alumnado e profesionais de todos os sectores azuis e da administración

Esta semana botou a andar a segunda edición do curso Módulo Jean Monnet Aspectos xurídicos e de gobernanza da Economía Azul Sostible da Unión Europea, unha iniciativa que se desenvolverá durante todo este mes no edificio Redeiras. A formación parte de Annina Cristina Burgin Piñeiro Oliveira, profesora de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo e o seu obxectivo é mellorar o coñecemento dos actuais marcos regulatorios, propostas lexislativas e aspectos de gobernanza dos sectores azuis, así como analizar os retos xurídicos de futuro.

A duración total do curso é de 40 horas e desenvolverase todos os luns e martes pola tarde. Profesorado universitario e persoal experto da práctica analizarán os respectivos sectores azuis centrándose nas súas respectivas características. Como explica a profesora Burgin Piñeiro Oliveira, coordinadora do programa, “no ano 2019, a Unión Europea adoptou o Pacto Verde Europeo que aposta por un cambio fundamental do modelo económico, esixindo unha (maior) eficiencia no uso dos recursos no futuro e unha redución drástica das emisións netas de gases de efecto invernadoiro para acadar finalmente emisións netas cero no ano 2050”. Neste contexto, a importancia que se lle outorga á economía oceánica e mariña neste proceso cara a un continente climaticamente neutro é dobre: por unha banda, os sectores azuis no seu conxunto achegan significativamente ás economías de numerosos países; e por outra, a Comisión referiuse aos océanos como un regulador clave do clima no planeta, polo que unha economía azul sostible representa un papel crucial para facer fronte aos efectos negativos do cambio climático e reducir a presión sobre os recursos terrestres. Así, “a Economía Azul Sostible comprende numerosos sectores, cada un con características propias” e neles se centrarán as dez sesións do curso.

O curso está destinado tanto a alumnado da UVigo, especialmente o das titulacións de Dereito, Relacións Internacionais, Economía, Administración e Dirección de Empresas ou Ciencias do Mar, así como a profesionais de todos os sectores azuis e da administración pública e público en xeral interesado neta temática. 

Ler a nova no DUVI.