Presentou os avances do seu grupo nunha das áreas emerxentes dentro dos materiais porosos
Premio internacional á investigadora Ramón y Cajal da Universidade de Vigo Laura Salonen. A científica do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), pertencente á rede CIGUS, acaba de ser distinguida co Early Career Researcher Award. Este galardón outórgase no marco do congreso internacional MOF2026, unha das citas de referencia mundial no ámbito dos materiais porosos, que se celebrou en Nova Orleans durante o mes de maio. O galardón recoñece a traxectoria investigadora de científicos e científicas novos cunha contribución destacada neste campo. Salonen considera que este recoñecemento é “un impulso para continuar coa nosa liña de investigación” e subliña que “reflicte tamén o traballo colectivo dun equipo internacional integrado por persoas de cinco nacionalidades”.
No marco do congreso, Laura Salonen presentou os resultados do seu traballo sobre covalent organic frameworks (COFs) con sistemas π estendidos orientados á fotocatálise, unha tecnoloxía baseada no uso de luz para impulsar reaccións químicas sostibles. Os COFs son materiais cristalinos e porosos construídos integramente a partir de moléculas orgánicas unidas mediante enlaces covalentes fortes e constitúen unha das áreas emerxentes dentro dos materiais porosos.
Un congreso de referencia mundial no avance dos MOFs e COFs
A edición de MOF2026 tivo ademais un carácter especialmente simbólico ao contar coa participación como convidados de honra de Omar Yaghi e Susumu Kitagawa, dous dos tres científicos distinguidos co Premio Nobel de Química 2025 xunto con Richard Robson polo desenvolvemento dos metal-organic frameworks (MOFs). Durante o encontro abordáronse cuestións clave para o futuro destes materiais, como a aplicación da intelixencia artificial nas distintas etapas do seu desenvolvemento, a escalabilidade dos procesos de síntese ou as súas aplicacións reais en ámbitos industriais e sociais. Outro dos aspectos destacados foi a importancia de avanzar na comprensión mecanística do comportamento destes materiais para favorecer a súa futura implementación.
Esta destacada traxectoria internacional da investigadora da UVigo reflíctese tamén na súa participación en grandes consorcios europeos. Actualmente, Laura Salonen (do Grupo de Investigación HNG) forma parte do proxecto MemCat (Membrane-assisted ethylene synthesis over nanostructured tandem catalysts), unha iniciativa financiada no marco do programa europeo HORIZON EIC PATHFINDEROPEN que busca a síntese sostible de compostos químicos clave.
Ler a nova no DUVI