A presenza do centro repártese en diferentes posicións do ranking, con tres investigadoras entre as primeiras 800 clasificadas.
Un total de 11 investigadoras de CINTECX figuran no último ranking do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que reúne 12.112 perfís de científicas en España e as ordena en función do impacto da súa produción investigadora. Entre elas, Ángeles Sanromán é a mellor situada dentro do centro e unha das tres primeiras da Universidade de Vigo, ao ocupar o posto 153 a nivel estatal.
Tras ela, destacan tamén Marta Pazos, no posto 458, e Ana Belén Moldes, que se sitúa na posición 797, completando o trío de investigadoras mellor clasificadas de CINTECX nesta edición.
A listaxe inclúe ademais a Belén Riveiro, Mercedes Solla, Julia Armesto, Teresa Rivas, Lucía Díaz Vilariño, Asunción Longo, Carmen Pérez Pérez, Míriam López Álvarez e Concepción Paz, reflectindo a diversidade de liñas de traballo do centro e a súa capacidade para xerar coñecemento en distintos ámbitos da enxeñaría e a tecnoloxía.
Visibilización de masa crítica e proxección internacional
A clasificación do CSIC elabórase a partir de datos recollidos en Google Scholar Profiles, unha das principais plataformas de seguimento da produción científica, e permite ordenar as investigadoras segundo o impacto dos seus traballos na comunidade académica.
Nese contexto, CINTECX suma 11 investigadoras na listaxe e sitúa a tres delas entre as 800 primeiras posicións, o que reflicte unha participación sostida do centro neste tipo de rankings a partir de la produción científica do seu persoal investigador, en función da visibilidade e a citación das súas publicacións.
Ler a nova na web do CINTECX
Cómpre sinalar así mesmo que varias das científicas incluídas no ranking destacan polo seu liderado en proxectos internacionais e de cultura científica como investigadoras principais (IP) da UVigo. É o caso de María Ángeles Sanromán Braga (Grupo EQ3), IP nos proxectos REWATER (Waterworks) e Alerta Verde (FECYT); Belén Riveiro Rodríguez (Grupo tf1), á fronte de SAFEWAY (H2020) e SIRMA (Interreg Atlantic Area); Lucía Díaz Vilariño (Grupo tf1), IP de catro iniciativas de modelado en interiores no marco do programa ISPRS; María Asunción Longo González (Grupo EQ3), que liderou os proxectos INCOPYME e Nanoeaters (Interreg Poctep); e María Concepción Paz Penín (Grupo EM1), IP en AOWINDE e VALLE_H2GAP (tamén de Interreg Poctep).