A UVigo reforza a súa estratexia de atracción de talento internacional no marco das MSCA PF

A Oficina de Proxectos Internacionais (OPI) – Área de Investigación da Universidade de Vigo organizou o pasado venres 5 de xuño a sesión participativa “MSCA PF na UVigo: Estratexias para unha captación e unha supervisión de alto impacto”, unha actividade dirixida a fortalecer as capacidades institucionais arredor das Marie Skłodowska-Curie Postdoctoral Fellowships (MSCA PF) e a promover o intercambio entre persoal investigador, xestor e supervisores/as.

O encontro desenvolveuse na Sala 1 do Edificio Miralles, no Campus de Vigo, en horario de 11:00 a 13:30 horas, e completouse cun aperitivo networking ata as 15:00 horas, favorecendo un espazo informal de conexión entre participantes.

Un programa centrado no talento e na excelencia investigadora

A sesión comezou coa apertura titulada “Cifras e retos: o mapa do talento na UVigo”, a cargo de Ana F. Mosquera e Adriana Santos, técnicas da OPI, que presentaron unha panorámica sobre os principais desafíos e oportunidades na captación de talento investigador.

A continuación, interveu Nelson R. García Polanco, presidente do capítulo de España e Portugal da Marie Curie Alumni Association (MCAA), quen introduciu a estrutura e o papel da asociación no ecosistema europeo de investigación.

Posteriormente, Ashish Avasthi, vicepresidente da Marie Curie Alumni Association (MCAA), abordou a importancia dunha supervisión de calidade nas MSCA PF.

A sesión contou tamén cunha intervención en remoto de Xavier Ronald Eekhout, punto de contacto nacional das Accións Marie Skłodowska-Curie (FECYT), quen analizou o encaixe entre supervisor/a e candidato/a como factor clave de éxito nas propostas.

Tras un espazo de preguntas e interacción co público, desenvolveuse unha dinámica participativa estruturada en bloques temáticos, centrada no ciclo do talento na UVigo, desde a captación ata a supervisión, promovendo o intercambio de experiencias e boas prácticas.

O encontro concluíu cunha breve sesión de síntese na que se recolleron as principais ideas, retos identificados e posibles liñas de mellora institucional, reforzando o compromiso da UVigo coa captación e consolidación de talento investigador internacional.


Esta actividade enmárcase no proxecto GPE2024-001461-T, financiado polo MICIU/AEI/10.13039/501100011033