A OPI-Área de Investigación da UVigo participa nun seminario web internacional sobre atracción de talento e oportunidades no ecosistema galego de I+D+i

A OPI (Oficina de Proxectos Internacionais) – Área de Investigación da Universidade de Vigo participou o xoves 11 de decembro de 2025 nun webinar organizado polo programa Oportunius (GAIN), co obxectivo de presentar aos membros de ECUSA (Españoles Científicos en USA), asociación integrante de RAICEX (Red de Asociaciones de Investigadores y Científicos Españoles en el Exterior), as capacidades do ecosistema galego de I+D+i e as oportunidades que ofrecen os programas de atracción e retorno de talento.

Neste marco, a técnica de promoción Ana F. Mosquera e a técnica de atracción de talento Adriana Santos, da OPI – Área de Investigación, presentaron o mapa de capacidades de I+D da UVigo, así como os servizos de apoio á captación e incorporación de persoal investigador internacional, co obxectivo de visibilizar os recursos institucionais dispoñibles para facilitar o desenvolvemento da carreira investigadora na universidade.

A sesión enmarcouse na Formación de Preparación de Propostas ERC do programa Oportunius, constituíndo un espazo de conexión entre o talento investigador internacional e as institucións galegas.

Este encontro permitiu dar visibilidade conxunta ás capacidades do sistema galego de I+D+i e reforzar a colaboración institucional en materia de captación, retorno e consolidación de talento investigador internacional.