A UVigo participa no encontro SOMOS RAICEX sobre talento investigador e cooperación internacional

Os días 17 e 18 de decembro de 2025 celebrouse en Madrid o encontro SOMOS RAICEX, organizado pola Red de Asociaciones de Investigadores y Científicos Españoles en el Exterior (RAICEX), na Fundación Ramón Areces, con motivo do sétimo aniversario da rede.

O evento reuniu investigadoras e investigadores españois que desenvolven a súa actividade no exterior, así como representantes de asociacións RAICEX de Europa, América, Asia-Pacífico e África, e institucións públicas e privadas vinculadas á ciencia, a innovación e a cooperación internacional, entre elas o Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, a FECYT, a AECID, a Axencia Galega de Innovación (GAIN), CRIS contra el cáncer e a Fundación Ramón Areces.

A Oficina de Proxectos Internacionais (OPI) – Área de Investigación da Universidade de Vigo foi convidada a participar nas dúas xornadas do encontro, xunto coa delegación de GAIN. A UVigo estivo representada por Ana F. Mosquera e Adriana Santos Muñoz, técnicas de promoción de proxectos internacionais de investigación.

A participación neste encontro permitiu á OPI coñecer de primeira man o papel estratéxico de RAICEX como rede vertebradora do talento investigador español no exterior e como interlocutora clave entre a comunidade científica internacional e as institucións españolas. Ao longo das dúas xornadas púxose de manifesto a relevancia de fortalecer os vínculos entre o persoal investigador no exterior, as universidades, os organismos financiadores e as administracións públicas, así como a necesidade de seguir impulsando políticas coordinadas de atracción, retención e retorno do talento.

O encontro evidenciou tamén o papel das asociacións RAICEX como plataformas de apoio, visibilización e xeración de oportunidades para o persoal investigador español en todas as etapas da súa carreira, así como a súa capacidade para facilitar colaboracións internacionais en ámbitos científicos estratéxicos. As mesas redondas e obradoiros ofreceron un espazo de reflexión compartida sobre os retos actuais do sistema científico español, destacando cuestións como a estabilidade profesional, a mellora das condicións de incorporación, a cooperación internacional e o impacto social da investigación.

Para a Universidade de Vigo, a participación neste evento supuxo unha oportunidade relevante para reforzar a interlocución con entidades como GAIN, RAICEX e outras universidades, identificar boas prácticas e programas de interese para o persoal investigador e explorar posibles sinerxías no ámbito dos proxectos internacionais e a mobilidade do talento. En conxunto, o encontro SOMOS RAICEX consolidouse como un foro de alto valor estratéxico para avanzar cara a un sistema científico máis conectado, internacional e competitivo.

Adriana Santos e Ana F. Mosquera da OPI UVigo

Esta actividade enmárcase no proxecto GPE2024-001461-T, financiado polo MICIU/AEI/10.13039/501100011033